Saturday 16 de November de 2024

XXII Edición dos premios “Curuxa do Humor”


Coa publicación no BOP das bases do XXII concurso de humor gráfico “Curuxa do humor”, abre hoxe o prazo de presentación de debuxos para este certame que organizan a Concellería de Cultura e o Museo do Humor de Fene. Os premios Curuxa teñen como obxectivo recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho do estado español), amais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro.
Un ano máis, o concello de Fene segue apostando polos premios Curuxa como estandarte do Museo do Humor. Así, nesta vixésimo segunda edición do certame, o/a gañador/a da Curuxa Gráfica (categoría para maiores de 25 anos) recibirá 2000 € e diploma e o gañador/a do segundo premio, 1500 € e diploma. Para a “Curuxa Nova” (categoría para menores de 25 anos) anúnciase un primeiro premio, dotado con 1.000 € e diploma, e un segundo premio, dotado con 500 € e diploma.
Os debuxantes interesados en presentarse a esta nova edición dos Curuxas, poderán enviar os seus debuxos até as 23.59 h. do vindeiro 31 de maio de 2018 ao Rexistro Xeral do Concello de Fene (Praza do alcalde Ramón Souto González, s/n, 15500 Fene, A Coruña). As obras, de temática libre, deberán ser de creación propia e inéditas: humor gráfico nas súas modalidades de texto ilustrado, viñeta, cómic (máximo 1 páxina) e/ou caricatura. Presentaranse en formato papel, mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente (impresión de alta calidade) e cunha dimensión máxima de 29.7×42 cm (A3). Non se admitirán fotocopias nin gravados.
Os traballos poderán estar redactados en galego ou en calquera das linguas oficiais do Estado (castelán, catalán, euskera) aínda que, neste caso, o/a autor/a deberá achegar xunto coa documentación requirida nas bases, a tradución ao galego do texto do debuxo. Tamén se admitirán traballos de humor mudo.
As obras enviaranse en paquete/sobre (SOBRE 1), sen remite, e facendo constar no exterior “Para o concurso de humor gráfico Curuxa 2018”, amais da categoría na que concursa. No interior deste paquete ou sobre (SOBRE 1) achegarase: o debuxo a concurso que non poderá estar asinado e que levará no reverso e a lápiz, o nº de DNI do autor/a e o lema ou seudónimo co que se presenta ao certame; e un segundo sobre (SOBRE 2), pechado, e en cuxo exterior conste a categoría na que concursa -Curuxa ou Curuxa Nova- o título da obra e o lema/pseudónico da persoa que sexa a súa autora. No interior deste sobre plica (SOBRE 2) incluirase a ficha de inscrición cuberta, unha declaración responsable expresa de que a obra presentada é da súa autoria, inédita e orixinal e unha copia do DNI. Tanto a ficha de inscrición como o modelo de declaración responsable pódense descargar na web do concello de Fene (www.fene.gal) ou no microsite do Museo do Humor (http://museodohumor.fene.gal) No caso dos concursantes menores de idade (Curuxa Nova), amais da documentación xeral, deberán achegar no SOBRE 2 unha fotocopia do DNI do pai/nai/titor legal así como a súa autorización asinada para participar no concurso.
O fallo do Xurado do XXII Concurso “Curuxa do Humor” darase a coñecer no prazo de dous meses trala data límite de presentación dos traballos e darase a coñecer a través da páxina web www.fene.gal e dos diferentes medios de comunicación. Formarán parte do Xurado o alcalde de Fene, o concelleiro de Cultura, a coordenadora do Museo do Humor e tres humoristas gráficos ou expertos en humor gráfico nomeados polo Concello de Fene.
Segundo se establece nas bases, as persoas que resulten premiadas “comprométense a recoller o premio na gala que a estes efectos programe o Museo do Humor no último trimestre de 2018”. Para esas mesmas datas, o Concello de Fene anuncia unha exposición na que se amosará unha selección dos traballos que se presenten ao concurso este ano.
Máis información (bases completas) na web www.fene.gal