Teresa Villaverde aproveitou para adiantarlle que solicitará unha nova achega para o arranxo do parque infantil do Sanguiñal
A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias Núñez, acompañada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, visitaron esta mañá as actuacións levadas a cabo no municipio ao abeiro das axudas convocadas pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
Marta Fernández-Tapias indicou que grazas a Orde de Infraestruturas de Uso Público de 2017 se puideron investir 34.000 euros na construción dun parque público infantil no CPI Cernadas de Castro. Unhas obras ás que o Concello de Lousame achegou outros 22.000 euros procedentes de fondos propios. A directora xeral lembrou que esta Orde está dirixida á creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamento dos servizos municipais dos concellos galegos, estando cofinanciadas polo Fondo Feader no marco do programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.
Neste sentido, salientou que Xunta continúa a desenvolver medidas para potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte dos concellos, como administración máis próxima aos administrados, converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional, co obxectivo último de garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, de tal xeito que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia.
Colaboración
Pola súa banda, Teresa Villaverde agradeceu a colaboración da Vicepresidencia pois “cada ano estamos intentando arranxar un ou dous parques infantís, sobre todo naquelas zonas onde vaian ser máis utilizadas por nenos e nena como é o colexio”. Así mesmo, aproveitou a visita de Marta Fernández-Tapias para anunciarlle que “no Concello de Lousame xa estamos traballando nos proxectos para a convocatoria deste ano, na que queremos incluír a remodelación do parque infantil do Sanguiñal, en San Roquiño”. Villaverde Pais sinala que “xa arranxamos os parques de Béxeres, do PAI de Tállara, do colexio e da Casa da Cultura, agora o próximo será o da escola infantil do Sanguiñal”.
O parque infantil do CPI Cernadas de Castro conta cun chan de caucho compacto de cores e un valado perimetral en cores. Está equipado cun xogo de resorte, cun columpio de cesto (equipado cun asento berce para os máis pequenos), cun columpio mixto (cun asento plano de caucho e outro asento berce) e cun conxunto formado por catro torres con tellado a dúas augas, dous tobogáns, tres pasarelas de equilibrio diferentes, rocódromo e barra de bombeiros.
Así mesmo, a alcaldesa de Lousame salientou que “grazas á colaboración da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, puidemos ampliar o programa de conciliación familiar e laboral Lousame Concilia a todos os períodos de vacacións escolares, incluíndo as recentes vacacións de Entroido, pero tamén as de Semana Santa e Nadal”.