O pavillón municipal de Santa Isabel acolle este sábado o XVII Campionato Galego de Grupos Show para Grandes e Pequenos de Patinaxe Artística. O evento está organizado polo Club Deportivo Fontiñas e contará coa participación de case 250 patinadores e patinadoras de toda Galicia.
A concelleira de Deportes, Noa Morales, presentou hoxe o Campionato, nunha rolda de prensa na que participaron Zeltia García Couso, adestradora do Club Deportivo Fontiñas, e Cristina Fernández, secretaria da entidade. A concelleira mostrou a satisfacción do Concello por poder colaborar na organización deste evento, “co que o Club Deportivo Fontiñas contribúe a fomentar un deporte como o da patinaxe, que grazas á entidade ten cada día máis adeptos en Compostela”. Noa Morales tamén lembrou que o club xa se encargara de organizar o mesmo campionato galego no ano 2014.
20 clubs e case 250 deportistas
O Campionato Galego vaise desenvolver ao longo de toda a xornada do sábado. Pola mañá terán lugar os adestramentos, a porta pechada. A competición oficial desenvolverase pola tarde: a partir das 17:30 h para os grupos pequenos e dende as 19:15 h para os grupos grandes.
En total van participar no Campionato Galego 244 patinadoras e patinadores. Na categoría de Grupos Grandes haberá oito grupos, dous da provincia da Coruña e seis da de Pontevedra. Na categoría de Grupo Pequenos serán 12, cinco deles da provincia da Coruña e sete da de Pontevedra.
A entrega de trofeos está prevista para as 20:45 horas.