Saturday 16 de November de 2024

Fene eliminará as verteduras na ría do barrio de San Valentín


As obras acaban de licitarse cun prezo de saída de 156.000 euros

O Concello de Fene abriu esta mesma semana o proceso de contratación das obras de saneamento que permitirán eliminar os dous puntos do paseo marítimo de San Valentín polos que, neste momento, seguen verténdose augas fecais á ría. O proxecto municipal prevé repoñer canalizacións e outro equipamento hidráulico para separar a auga das escorrentías da auga contaminada, de maneira que esta última vaia parar na súa totalidade á depuradora de Chanteiro. O importe dos traballos cifrouse en algo máis de 156.000 euros, que se financiarán con cargo ao POS+ provincial de 2017. Desde o goberno local cualifícase o proxecto como “un paso importante” que contribuirá a acelerar a rexeneración da banda sur da ría.

O barrio de San Valentín é o máis populoso de Fene e durante anos tamén foi un dos principais responsables da vertedura de augas fecais na ría de Ferrol debido a unha rede de saneamento deficitaria que evacuaba ao mar auga de chuvia e de varios regatos mesturada con resíduos.

A posta en marcha da depuradora de Punta Avarenta, en Chanteiro, solucionou en parte o problema da contaminación coa execución dun colector xeral ao longo da Avenida do Mar que, porén, non recolle todo o caudal que se xera no barrio. De feito, a conexión ao conduto da depuradora non se fixo en todos os puntos. De feito, segundo o informe técnico de situación preparado polo Concello para xustificar o novo proxecto, o colector non recolle a maior parte da rede de saneamento do interior do barrio -entre a Avenida do Mar e a da Cooperación- “xa que moitos dos cruces do saneamento antigo co novo colector non foron executados”, de maneira que as augas pluviais e fecais continúan circulando ata saír no extremo suroeste do paseo marítimo. Algo semellante ocorre na outra punta do paseo, preto xa da praia de San Valentín, por onde saen tamén mesturadas as augas pluviais e mailas fecais procedentes da rúa Tellerías.

Un estudo elaborado en 2015 no marco do plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia detectou indicios de contaminación nestes dous puntos e, neste sentido, o Concello deseñou un plan de acción que contempla a conexión dos antigos ramais ao colector da Avenida do Mar e a construción dunha canalización que separe os resíduos fecais da auga da chuvia e dos regatos procedentes das zonas do Sartego, a Fonte do Campo e Conces.

En resume, o obxectivo de toda a obra é “garantir que a auga contaminante vaia toda para a depuradora e que polos antigos emisarios só saia á ría auga da chuvia e dos regos que antigamente desembocaban na ribeira”, apunta Juventino Trigo. O rexedor local explica, ademais, que os traballos “supoñen un grande reto técnico” debido a que a reconfiguración de todo o entramado de canalizacións “obrigará a erguer varias beirarrúas e a facer moito traballo á man para salvar outras infraestruturas soterradas como as do gas, as do abastecemento de auga ou as de comunicacións”. Con todo, segundo Trigo “trátase dunha obra moi urxente e necesaria e será un paso importante para acelerar a rexeneración da ribeira e da banda sur da ría”.

A licitación das obras publicouse o luns desta semana no Perfil de Contratante do Concello e tramitarase mediante procedemento negociado con publicidade. As empresas teñen ata o próximo día 21 para presentar as súas ofertas. O importe total dos traballos está cuantificado en 156.089,77 euros -ive incluído- que se financiarán coas partidas do POS+ do ano pasado.