Presenta as súas propostas de investimento apra os Orzamentos Municipais de 2018 por un importe de 250.000 euros
O PSOE de Ordes vén de presentar as súas propostas de investimento para os Orzamentos Municipais de 2018, que suman 252.000 euros. O voceiro municipal socialista, Alejandro Manteiga, explica que “ademais de reiterar as nosas demandas de achegas para paliar o déficit de infraestruturas de saneamento e no mantemento das nosas estradas e pistas nas parroquias, este ano solicitamos o cambio do pavimento no polideportivo do CEIP do Mesón do Vento, que está nun mal estado e é o único sobre o que non se ten actuado”. Os socialistas calculan que o arranxo desa pista dun orzamento de 25.000 euros.
A partida máis importante é a destinada á limpeza de estradas, pistas e camiños municipais, que ascende a 100.000 euros. “Entendemos que non é só unha necesidade para mellorar a seguridade viaria dos nosos veciños e veciñas, senón tamén unha axuda na prevención de lumes ao actuar como cortalumes”, indica Alejandro Manteiga.
Outra novidade é que os socialistas adaptan economicamente a súa petición dunha partida orzamentaria para arranxar a EDAR e ETAP, que pasa dos 150.000 a 50.000 euros. “Esta é unha petición que vimos reiterando os últimos anos ante a sobreexplotación de ambas instalacións pero que adaptamos antes as indicacións da Secretaría municipal e pedimos que se inclúa nos orzamentos unha partida orzamentaria por se xurdira un convenio con outros organismos que permitan cubrir o orzamento total da actuación”. O mesmo acontece coa petición de mellora das redes de saneamento nas parroquias, para as que se pide a reserva de 30.000 euros por se se conseguira unha subvención por parte doutra Administración.
Economía e deportes
O resto das peticións socialistas son as mesmas cas presentadas nos anteriores orzamentos. Así solicítase unha partida de 12.000 euros para impulsar a economía local a través da organización de campañas de promoción do comercio e outros 20.000 euros para promoción e apoio a emprendedores/as. Así mesmo, os socialistas volven solicitar 10.000 euros para axudas a deportistas residentes no municipio e que destaquen na súa disciplina e outros 5.000 euros “para realizar un estudo para o aproveitamento do recinto da piscina municipal descuberta xa que estamos falando dunha instalación deportiva que permanece pechada durante 9 meses do ano”, apunta o voceiro municipal socialista.