Friday 22 de November de 2024

Feijóo destaca a calidade do sector da pesca que en 2017 acadou a mellor cifra de facturación en lonxa, rompendo o teito dos 500 millóns


Precisa que o ano pasado o sector conseguiu varios datos históricos, ao comercializar máis de 212.000 toneladas de produtos da pesca e cun incremento do 27% en descargas por riba da media anual

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a calidade do sector pesqueiro galego que en 2017 acadou a mellor cifra de facturación procedente da primeira venda, ao romper o teito dos 500 millóns de euros.

Durante unha visita ás instalacións da lonxa de Noia, Feijóo precisou que o ano pasado o sector conseguiu varios datos históricos, ao ter comercializado máis de 212.000 toneladas de produtos da pesca e cun incremento do 27% en descargas por riba da media anual.

Por tipo de produto, Feijóo explicou que os peixes representan o 92% das descargas e os moluscos bivalvos o 4,6%, aínda que o seu peso na facturación ascende ao 16%. “E cómpre salientar, ademais, que estamos a falar do mellor exercicio da serie histórica nas tres provincias, alcanzando A Coruña o 54% do total das descargas, Pontevedra o 27,5% e Lugo o 18,5%”, explicou.

En relación a Noia, o responsable do Goberno galego aseverou que esta zona, que abarca os concellos de Noia e Outes, alcanza tamén cifras históricas na súa campaña marisqueira, cun 70% por riba da media histórica en capturas e un 63% por riba en facturación. Un traballo que implica preto de 1.500 familias e no cal o berberecho supón máis do 82% das descargas.

Se ben, dentro da confraría tamén é relevante a comercialización de ameixa babosa, ameixa fina, ameixa xapónica, ostra, anguía e cangrexo, Feijóo lembrou que o berberecho desta zona representa o 71% do total de Galicia e o 72,4% en volume de facturación. E felicitou a un sector que aposta pola calidade e que o quere seguir facendo a través da marca Berberecho de Noia. Pesca artesanal.Rías galegas; unha marca que distingue: a orixe –a ría de Noia-; o tipo de pesca –artes de pesca artesanais e sustentables-; a calidade e autenticidade –captura no momento óptimo de consumo-; e a rastrexabilidade, xa que a confraría de Noia é a única na Comunidade que conta cun criadeiro propio.

Logo de confirmar o proxecto de ampliación da lonxa de Noia, Feijóo afirmou que o Goberno galego seguirá traballando tamén no ámbito da depuración das augas das rías de Muros e Noia.

O presidente da Xunta concluíu subliñando que 2017 foi un dos mellores anos para os produtos do sector primario, tanto en produción vitivinícola, láctea, cárnica ou no referido á pesca. Ao fío disto precisou que no sector cárnico o número de toneladas subiu un 6% con respecto a 2016, a facturación no sector lácteo incrementouse entre un 9 e un 10% e no sector vitivinícola a produción subiu un 3%.