E o venres, o grupo Odaiko achegará o seu espectáculo de percusión á Casa da Cultura do Milladoiro
Con motivo da festividade de Santa Icía, a patroa dos músicos, o Concello de Ames acollerá o sábado un concerto que reunirá a tres agrupacións musicais. A cita, organizada pola Asociación Cultural Antonio Santomil, dará comezo ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nela participarán a Coral Polifónica Atalaia de Laxe, o Grupo de Música Tradicional Arnela de Carral e a Coral Polifónica de Bugallido.
Esta última formación, nacida no seo da asociación anfitrioa, foi fundada por Antonio Santomil en 1972. Logo de varios anos de inactividade volveu aos escenarios baixo a batuta de Xosé Ramón Santomil. O seu repertorio está composto por música popular galega, música sacra e renacentista, habaneras e cancións espirituais negras.
Por outra parte, a Coral Polifónica Atalaia de Laxe é unha formación composta por 33 persoas clasificadas en cinco voces mixtas: sopranos, contraltos, tenores, barítonos e baixos. A súa música comprende dende o barroco, -obras de Haendel, Mozart, Schubert…-, ata pezas do século XX: cancións populares galegas, panxoliñas e folclore de multitude de países. Xurdida en 2001, leva actuado en toda a xeografía galega e mesmo en festivais de música coral latinoamericana.
En canto ao Grupo de Música Tradicional Arnela de Carral ofrecerá o espectáculo “Dende sempre un cantar”, un concerto con pezas tradicionais cantadas e interpretadas por este grupo de dezaseis membros que combina a voz con instrumentos como a pandeireta, acordeón, gaitas, clarinete e percusión. Nacido en 2009 na escola de música e canto tradicional da Asociación Cultural Aberta, leva realizadas máis de corenta actuacións por toda Galicia. Todos xuntos interpretarán foliadas, muiñeiras, valses ou pasodobres.
Espectáculo de percusión no Milladoiro
Un día antes do Concerto de Santa Icía, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a partir das 21:00 horas a actuación de Odaiko Percusion Group. Os músicos Juan Collazo, Antonio Ocampo, Félix Rodríguez e Francisco Troncoso presentan o seu número “Galician on Board”, unha viaxe no tempo dende a Galicia do século XIX ata os nosos días. O rural, o folclore, a emigración ou a industrialización están presentes neste espectáculo que combina un amplo abano de estilos musicais. Estes profesionais da percusión amosarán ao público que é posible mesturar a música galega coa cultura latina, flamenca, brasileira ou africana.