A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron no Pazo de Raxoi as principais liñas de actuación do novo Plan Estratéxico do Turismo, que define os grandes obxectivos, retos e propostas de actuacións a impulsar nos vindeiros anos para transformar o actual modelo turístico da cidade.
Santiago contaba ata o momento cun único Plan Estratéxico de Turismo, que se elaborou no ano 2003 e que tiña como horizonte o ano 2008. No ano 2009 elaborouse unha actualización deste plan estratéxico, definida para o período 2009-2015. O novo Plan Estratéxico do Turismo de Santiago define os principais obxectivos, retos e propostas de actuación no ámbito turístico ata o ano 2022.
O Plan Estratéxico elaborouse a partires dun proceso de análise da situación do sector no que participaron máis de 50 persoas expertas e representantes dos diferentes ámbitos vinculados co turismo así como da veciñanza de Santiago, que puideron expresar as súas visións a través de seis mesas de traballo temáticas e oito entrevistas en profundidade.
Catro grandes retos turísticos e un transversal
A visión do Plan Estratéxico é conformar un novo modelo turístico para a cidade co horizonte do 2022 que se defina por un turismo de calidade, sostible a medio e longo prazo. O Plan Establece catro grandes retos turísticos a conseguir de cara ao 2022 e un reto transversal.
Os catro grandes retos turísticos son: gobernanza, descentralización, desestacionalización e sustentabilidade. Ademais apúntase a xentrificación como gran reto de cidade que vai más aló das políticas turísticas. En cada un destes retos apúntase unha serie de propostas de actuacións, que para o seu desenvolvemento requiren da colaboración das diferentes entidades públicas vinculadas co turismo da cidade, así como do sector privado.
Xestión máis eficaz
No reto da gobernanza, trátase de replanificar o modelo turístico de Santiago para lograr unha nova forma de xestión máis eficaz a través da coordinación real de todos os axentes clave con competencias sobre o turismo da cidade, buscando a sustentabilidade do modelo a longo prazo, sen esquecer os criterios de rendibilidade.
As principais actuacións que se propoñen no reto da gobernanza son: establecemento de canles de comunicación entre as diferentes administracións e o sector privado para evitar a descoordinación actual; establecemento de foros turísticos por barrios; optimización do Consello Municipal de Turismo e creación dun programa de prescritores da cidade.
Novos polos de atracción turística
En canto á desescentralización, trátase de buscar novos polos de atracción turística na procura dunha mobilidade máis optimizada dos fluxos turísticos, en base ao seu poder de atracción, da planificación a través das novas tecnoloxías e tamén das novas formas de entender o turismo polos novos viaxeiros, que buscan viaxes máis experienciais, motivacionais e cargadas de vivencias.
As principais actuacións que se propoñen neste ámbito son: creación de rutas turísticas en base á posta en valor de recursos turísticos situados fóra da zona centro; rede de localizacións alternativas incorporando espazos dos barrios ás experiencias turísticas; creación do Plan de Sinalización SCQi e estratexia dixital dirixida a captación de turistas de maior calidade.
Desestacionalización
En terceiro lugar inclúese o gran reto da desestacionalización. A polarización entre a ocupación turística en tempada alta e tempada baixa en Santiago, así como a baixa estancia media dos visitantes, é unha problemática grave que debe ser abordada con decisión. O obxectivo é aumentar a rendibilidade a través dun maior consumo por visitante, a selección dos segmentos máis prioritarios para o modelo de turismo que se pretende impulsar e lograr unha maior permanencia ao longo de todo o ano.
O reto da desestacionalización turística é o maior reto que afronta o sector dende hai anos, xa que impide a consolidación dun modelo económico de maior calidade, que garanta tanto a rendibilidade durante todo o anos das empresas do sector como a calidade do modelo laboral, caracterizado actualmente pola discontinuidade.
Precisamente por este motivo, neste ámbito é no que se presenta un maior numero de propostas de actuacións. Destacan as seguintes: creación da experiencia Urban SCQ para impulsar o turismo urbano; deseño de novas experiencias turísticas como Destino Urbano Slow; creación de Compostela Literaria; novo produto turístico ao redor das grandes figuras literarias galegas; creación de Compostela Romántica para impulsar a cidade como destino “romántico”; potenciación do turismo de compras e recuperación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, que deixou de aplicarse na cidade no 2011.
Tamén neste ámbito proponse unha aposta decidida polo Turismo de Congresos, Xornadas e Eventos (MICE), potenciando o papel do Santiago de Compostela Convention Bureau e a creación dunha Mesa de Traballo do Turismo MICE. Tamén se propón afondar na estratexia de promoción da gastronomía da cidade a través de Compostela Gastronómica, impulsando a creación dun grupo de Novos Cociñeiros de Compostela e potenciando os eventos gastronómicos da cidade.
Sustentabilidade
O último reto turístico é a definición dun modelo de desenvolvemento turístico sustentable social, económica e medioambientalmente. No eido social é fundamental lograr un entendemento entre veciñanza e visitantes. No eido económico, débese garantir a distribución da rendibilidade turística por toda a cidade para que os beneficios do turismo repercutan en todo o concello. No eido medioambiental e patrimonial, débese asegurar a conservación dos recursos endóxenos, fomentar un uso racional e responsable dos recursos e promover o desenvolvemento turístico baixo criterios de equilibrio territorial.
As principais actuacións que se propoñen son: posta en valor da contorna verde santiaguesa; promoción especializada de Santiago como destino verde; medición da capacidade de carga dos principais recursos e establecemento de mecanismos de control; consolidación do actual programa Santiauga e mellora da fiscalidade a través dunha taxa turística por pernoctacións e dun gravame para as persoas excursionistas.
Xentrificación
Ademais, no Plan de Turismo de Santiago defínese o reto da xentrificación, concibido como un reto que vai máis aló da propia dimensión turística, xa que se trata dunha problemática de cidade, que require do impulso e coordinación doutros ámbitos con competencias directas nas políticas do Casco Histórico, desenvolvemento urbano e vivenda.
As principais propostas de actuación son: delimitación, acotación e exclusión da oferta turísticas ilegal; incentivos ás persoas que cambien a súa residencia ao Casco Histórico; dotación de fibra óptica ao Casco Histórico; mellora da accesibilidade no Casco Histórico; dotación de máis liñas e paradas de transporte público na coroa do Casco Histórico e optimización do usos dos aparcadoiros con vantaxes para os residentes.