Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ames reúnese coa veciña do Milladoiro con problemas de vivenda


A afectada, C.G.D., presentou esta mañá no rexistro municipal a documentación pendente e, seguramente, mañá mesmo cobrará a axuda concedida xa o 6 de novembro

O Concello de Ames recibiu con satisfacción a documentación que presentou esta mañá por rexistro a veciña do Milladoiro, C.G.D., para poder recibir unha axuda municipal por emerxencia social, auxilio que está aprobado desde o pasado 6 de novembro. Seguramente, unha vez tramitadas as formalidades, a muller afectada poderá cobrala mañá venres.
O alcalde, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar, Eugenia Martín, recibiron esta mañá á muller, coa que compartiron as súas necesidades e preocupacións. Segundo ela refire, mantén a intención de trasladarse a vivir a Santiago, argumentando que na cidade lle será máis doado atopar traballo e malia que seu fillo vai ao instituto do Milladoiro.
Eugenia Martín tamén se puxo en contacto coa súa homóloga no concello compostelán para informala do caso e procurar o amparo necesario a esta veciña en situación difícil. A concelleira amesá afirma que desde os servizos sociais do Concello “sempre se lle prestou toda a axuda posible”, e indica que este mesmo ano se aumentou a partida para emerxencias sociais, axudas das que se beneficiaron ata o momento 60 persoas.
Martín recoñece que os tempos son “duros con demasiadas familias e que todo é pouco, pero que a sensibilidade do Concello cara a esta realidade é constante, con políticas activas e sostibles”, como a creación do Centro da Información á Muller, en marcha desde o xullo de 2013 e máis de douscentos expedientes abertos desde entón.
O Concello de Ames traballa acotío nos posibles casos de desafiuzamento, atendendo desde o departamento de Servizos Sociais todas os sucesos detectados e poñendo a disposición as axudas posibles ás que se poidan acoller as persoas que se atopan en situación de posible perda de vivenda.