Friday 22 de November de 2024

A Xunta inviste máis de 154.000 euros nas obras de saneamento de Vilar e a Rebouta á EDAR de olveira, no concello de Dumbría


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde da localidade, José Manuel Pequeño, asinaron as actas de recepción dos traballos

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou xunto ao alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, as actas de recepción das obras realizadas no concello con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
En total, investíronse máis de 154.000 euros na dotación de saneamento ás parroquias de de Vilar e A Rebouta á estación depuradora (EDAR) de Olveira, construíndo unha rede de sumidoiros na estrada xeral para a recollida de augas residuais e pluviais, Con esta intervención preténdese evitar as agresións ao medio natural derivadas da alta actividade humana e gandeira da zona. Deste xeito, dótase a esta área das canalizacións necesarias que se conectarán ás redes xa existentes para o traslado das augas aos puntos de tratamento correspondentes. Así, estase a contribuír a mellorar a calidade do medio rural, e polo tanto, tamén ao reequilibrio territorial.
As subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndelles aos concellos que teñen o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.
No caso de Dumbría, o municipio alberga 114 aeroxeneradores e máis de 5,7 quilómetros de liñas. Estas axudas, concedidas a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.