Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene volve solicitarlle a Fomento a reparación dos enlaces con San Valentín


A Concellaría de Servizos de Fene remitiulle a finais de xaneiro ao Ministerio de Fomento e á Xefatura Provincial de Tráfico un novo escrito demandando a reparación da estrada das Pías á altura dos enlaces de entrada e saída do barrio de San Valentín. Tal e como certifica un informe elaborado pola Policía Local, tanto o acceso ao barrio como o carril de saída desde Navantia-Fene presentan un estado de “considerable deterioro” que, segundo o informe, “supón un perigo para os usuarios”. Pola súa banda, a Demarcación de Estradas acaba de respostar que o proxecto de reparación de catro quilómetros desta vía e da FE-13 “encóntrase actualmente en tramitación” cun orzamento aproximado de 240.000 euros e que, en calquera caso, a estrada estatal se encontra “nunhas aceptables condicións de tránsito”. O goberno local considera que Fomento “está dándolle largas” á solución dun problema de seguridade viaria “que xa se solicitou en varias ocasións sen que, de momento, houbese resposta”.

A titular da área de Seguridade, Sandra Permuy, apunta a que o Ministerio “ten constancia” de alomenos tres reclamacións neste sentido cursadas desde o Concello como resposta “ás queixas veciñais de San Valentín e tamén de persoal de Navantia-Fene que usa habitualmente os dous enlaces”.

A última destas solicitudes -remitida o pasado 23 de xaneiro- acompañouse dun informe e dunha reportaxe fotográfica elaborada pola Policía Local. Nela apréciase o mal estado do tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4,000 e 4,200, da FE-014, principalmente no acceso ao barrio de San Valentín e nas saídas con dirección a Ferrol e ao centro urbano de Fene.

Fochancas e irregularidades no firme son os aspectos que máis destacan nas imaxes que sustentan o informe policial, onde se pon de manifesto que o “considerable deterioro da capa de rodadura en diversos puntos” supón “un perigo certo para os usuarios”.

As advertencias da Policía Local non se circunscriben exclusivamente aos enlaces con San Valentín, senón que tamén atinxen á metade fenesa da Ponte das Pías. Segundo se sinala no escrito remitido a Fomento “os resaltes que existen nas unións do asfalto chegan a parecer escalóns e, en días de choiva, ao quedar as fochas tapadas pola auga, o perigo faise maior, podendo causar graves danos a posibles usuarios de bicicletas, ciclomotores ou motocicletas”.

O informe elaborado polo corpo de seguridade municipal lembra, por último, que xa en novembro de 2017 se fixera un estudo dos mesmos puntos “sen que ata o momento se tiveran realizado intervencións para subsanar ou mibnimizar as deficiencias”.

O Concello recibiu hai escasos días a contestación oficial do Ministerio de Fomento a través da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, quen asegura “ser coñecedora da situación actual do firme”. O organismo estatal empraza a reparación da zona a un proxecto que prevé actuar tanto na estrada das Pías (FE-14) desde o cruce de Fene até Porta Nova, como na FE-13, que une Caranza con Catabois pasando pola Gándara e San Xoán, en Ferrol. Fomento indica que o proxecto conta cun “orzamento estimado de 240.000 euros” para “resolver as deficiencias” existentes nos máis de 8 quilómetros que suman ámbalas estradas.

Sandra Permuy mostrou as súas reservas con respecto ao contido da carta recibida de Fomento: “esperemos que desta vez vaia adiante a reparación, que xa se solicitou en varias ocasións sen que, de momento, houbese resposta. Non dubidamos de que exista un proxecto, pero gustaríanos que se nos dese unha contestación en firme e con prazos concretos. Parece que Fomento lle estea dando largas a unha cuestión doada de amañar e que xa se está demorando demasiado “.