Friday 22 de November de 2024

Presentada a Plataforma Turística de Riveira no Smart City Expo World Congress de Barcelona


O proxecto compartiu sesión con outras experiencias desenvolvidas nos Estados Unidos, Francia, Rusia e España

A nova Plataforma Web Turística de Riveira foi presentada no serán de onte nunha das feiras punteiras do sector das Cidades Intelixentes a escala mundial: O Smart City Expo World Congress (http://www.smartcityexpo.com/), que se se está a desenvolver na Fira de Barcelona ata o día de mañá.

Representantes da empresa galega responsable do deseño e creación desta iniciativa, Avansig, SLL, viaxaron á cidade catalá co fin de presentar esta ferramenta no marco dun encontro profesional no que tamén se deron a coñecer outros proxectos innovadores procedentes de Rusia, Estados Unidos, Francia e España.

Así, a presentación do proxecto ante máis dun centenar de asistentes cun perfil profesional compartiu sesión con outras experiencias de Smart City referentes ás cidades de Lyon e Portland, así como outras solucións tecnolóxicas propostas polas compañías Indra e Habidatum International.

A plataforma web riveirense, que está cofinanciada nun 70% con fondos Feder, combina Tecnoloxías da Información Xeográfica (TIG) con tecnoloxías web e tecnoloxías móbiles, o cal se materializa na existencia dun Visor SIG Web (http://turismo.riveira.es/) e dúas aplicacións móbiles (Smart Riveira e Turismo Riveira, ) dispoñibles para calquera usuario, ademais dun panel de control de xeito que os técnicos poidan administrar o conxunto da plataforma.

Dinamizador
Ao fío disto, cómpre anunciar que o Concello de Riveira ten intención de contratar unha asistencia técnica co obxectivo de dinamizar e sacar rendemento a esta plataforma e a propia web municipal, así como para encargarse do velar pola implantación en Riveira das novas esixencias derivadas da Administración Electrónica.

Por outra banda, cómpre anunciar que a nova páxina web xa recibiu máis de 43.000 visitantes dende a súa posta en marcha o pasado 12 de xuño, con 21.423 usuarios únicos.

Como dato curioso, resaltar que o 60,31% dos accesos tiveron lugar a través dun ordenador (portátil ou de sobremesa), un 32,89% a través do móbil e unicamente o 6,80% a través dunha tablet.