Agarda a participación de máis de 500 persoas no Festival de Entroido de mañá sábado, de 17:00 a 20:00 horas, no polideportivo da Silva
O Concello de Lousame e Cruz Vermella colaboran na organización de seis obradoiros gratuítos sobre o Entroido en Galicia e a elaboración de máscaras, que se impartirán ao longo da próxima semana nos distintos locais sociais das parroquias. Uns obradoiros abertos á participación de toda a veciñanza de Lousame maior de 60 anos e que serán totalmente de balde, previa inscrición no Concello (981 820 494).
Os obradoiros terán lugar os días 13, 14 e 16 de febreiro e serán impartidos por persoal da Cruz Vermella. Así, o martes 13 de febreiro os obradoiros terán lugar nos locais sociais do Sanguiñal (10:00 horas), Vilacova (10:15 h) e Lesende (11:30 h). O mércores 14 os talleres levaranse a cabo no local social da Escabia, ás 10:30 horas; e os derradeiros obradoiros terán lugar o venres 16 de febreiro, ás 10:00 horas, nos locais sociais de Aldeagrande e Cruído.
Os obradoiros incluirán unha sesión interactiva sobre os distintos Entroidos que se celebran en Galicia e un obradoiro práctico no que cada maior poderá elaborar a súa propia máscara. Unha iniciativa enmarcada dentro da colaboración do Concello de Lousame e a Cruz Vermella, que ao longo do ano se traduce en actividades a prol do envellecemento activo da veciñanza co obxectivo do seu beneficio físico e psíquico. A última celebrada tivo lugar o pasado mes de decembro, cuns obradoiros de decoración de Nadal.
Festival de Entroido
Por outra banda, o Concello de Lousame ten todo preparado para recibir ás máis de 500 persoas que se agarda que participen no seu Festival de Entroido, que terá lugar mañá sábado 10 de febreiro, entre as 17:00 e as 20:00 horas, no polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra” (A Silva). Un festival que incluirá un Desfile de Disfraces (para nenos e nenas menores de 16 anos), inchables, obradoiros, xogos, animación musical e unha degustación gratuíta de orellas e filloas. Todos os nenos/as que veñan disfrazados recibirán un agasallo.
Un ano máis, o Concello de Lousame non celebrará concurso de disfraces, polo que todos os nenos e nenas que participen no Desfile de Disfraces terán as mesmas posibilidades de levar un dos premios, que se adxudicarán por sorteo. Unha aposta que premia a participación, non os cartos que se poden gastar nun disfrace. O Desfile comezará ás 18:30 horas e estará distribuído en catro categorías: de 1 a 5 anos, de 6 a 10 anos, de 11 a 13 anos e de 14 a 16 anos. As inscricións poden realizarse o mesmo sábado, antes das 18:00 horas, no polideportivo municipal.