Subliña que estas axudas representarán un investimento de 6,3 millóns de euros
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a convocatoria de 94 axudas predoutorais. “Aprobamos a convocatoria de case un cento de axudas predoutorais; un programa de apoio á etapa predoutoral que se enmarca no Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015”, aseverou, ao que engadiu que estas axudas representarán un investimento de 6,3 millóns de euros.
Entre as principais novidades, Rueda explicou que, por primeira vez, a Xunta asume o financiamento íntegro de todas as modalidades do programa, “polo que as universidades, que antes asumían o 20%, non terán que achegar nada”, chegando a contía das axudas ata os 23.500 euros por alumno, “a máis alta desde que existen estas convocatorias”.
Así mesmo, subliñou que existe unha reprogramación temporal, como pedían as universidades, para que entre a convocatoria estatal e a galega se garanta o maior número de contratos posible; e a esixencia de estar matriculado nun programa oficial de doutoramento do SUG.
No tocante ás modalidades, o vicepresidente da Xunta precisou que se establecen tres: a xeral, con axudas enfocadas a todas as ramas de coñecemento (serán 70 axudas); 12 axudas dirixidas ao proxecto de Campus Vida que lidera a Universidade de Santiago; e outras 12 para o Campus do Mar liderado pola Universidade de Vigo.
Cómpre salientar, tamén, que os contratos desenvolveranse a partir do 1 de abril do vindeiro ano e terán unha duración dun ano, prorrogable ata un máximo de tres.
Durante a rolda de prensa, o vicepresidente do Goberno galego lembrou que a captación, formación e retención de talento é un dos grandes obxectivos do Goberno galego. E, neste sentido, referiuse á activación, hai dúas semanas do programa Oportunius, que pretende a incorporación nos vindeiros seis anos de 24 científicos de referencia ao sistema galego de I+D+i; e ao acordo para incorporar á Universidade de Santiago a tres investigadores do programa Starting Grant.
Rueda aseverou que, con estas iniciativas, a Xunta pretende fomentar que as universidades galegas contraten titulados superiores para a súa formación como doutores nos seus centros, “algo –dixo- que estamos a apoiar xa nos últimos anos, de tal xeito que entre 2011 e 2014 desde a Consellería de Educación se convocaron un total de 387 prazas de contratos predoutorais con tres anos de duración e un investimento de máis de 23,5 millóns de euros”.