As achegas nesta liña, a primeira a fondo perdido para microempresas, pequenas e medianas, superan os 1,5 millóns de euros na provincia e os 4,7 en toda Galicia
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as instalacións da empresa Relento SL, unha das beneficiarias do programa Innova Peme, axudas do 50% dos custos de implementación do plan de innovación da empresa, destinadas ao financiamento das actividades integradas nos devanditos plans que lles permitan sistematizar os procesos de innovación da empresa. A axuda concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria supera os 80.000 euros.
Relento é unha empresa dedicada á venda de peixe e marisco fresco, tenda de alimentación física e online, restauración, elaboración de pratos preparados para a súa venda ao consumidor, organización de cursos, talleres e eventos relacionados coa gastronomía galega e a participación en portais da internet especializados en gastronomía e restauración. Todas estas actividades produtivas e comerciais dotan á empresa dunha posición única no mercado da restauración e o lecer asociado á gastronomía en Galicia e en particular no Barbanza, zona onde está situada.
O programa Innova Peme, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), beneficia ás microempresas, pequenas e medianas empresas con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, con obxectivo de que, logo de ter implementado o seu plan, as compañías destinatarias teñan: mellores indicadores de innovación: maior gasto en I+d+i, máis persoal para I+D+i, máis proxectos colaborativos, e mellores opcións para participar en convocatorias internacionais.
Así mesmo, preténdese que teñan máis produtos e servizos innovadores no mercado, e mellores e máis eficientes procesos que as fagan máis competitivas. Esta é a primeira convocatoria de axudas individuais a fondo perdido especificamente destinadas a mellorar o desempeño innovador das microempresas, pequenas e medianas empresas galegas.
Na área do Barbanza, o programa da Axencia Galega de Innovación beneficia a dúas empresas, ambas as dúas no Concello de Ribeira, por unha cantidade de algo máis de 180.000 euros. Na provincia o investimento supera os 1,5 millóns de euros durante dous anos. Ovidio Rodeiro destacou “o interese da Xunta de Galicia en darlle visibilidade ao esforzo que están a realizar as pequenas e medianas empresas para ser máis competitivas a través da innovación”.