Rueda avanza que o servizo prestarase mediante 11 ambulancias medicalizadas, 101 ambulancias asistenciais de soporte vital básico e 2 ambulancias non asistenciais convencionais
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a contratación por 121 millóns de euros dun servizo de ambulancias mellorado e que non incrementa o seu custo.
Máis polo miúdo, Rueda precisou que o contrato do servizo de transporte sanitario urxente terrestre abarcará os anos comprendidos entre 2015 e 2019; non suporá un incremento de gasto ao Sergas respecto ao contrato actual e suporá melloras na calidade do servizo.
Sobre este último aspecto, o vicepresidente do Goberno galego, referiuse á mellora dos tempos de resposta ante unha emerxencia sanitaria; á mellora na asistencia e na seguridade dos pacientes; e á mellora do equipamento sanitario das ambulancias.
O servizo prestarase mediante 11 ambulancias medicalizadas, 101 ambulancias asistenciais de soporte vital básico e 2 ambulancias non asistenciais convencionais. E as bases das ambulancias emprazaranse nas localidades ou centros sanitarios indicados para cada recurso, optimizando o seu horario de atención.
Entre as novidades tecnolóxicas, Rueda destacou novos equipos de comunicación con conexión de datos, xeolocalización e aplicación de mapas; navegador en todas as ambulancias; e elementos de seguridade activa e pasiva nos vehículos. E, en relación ás melloras no equipamento sanitario, subliñou o certificado de material libre de látex, o aumento das prestacións do respirador para ventilar nenos e a mellora nas bombas de infusión de medicamentos.
Outros elementos salientables son que se continuará co cambio na identidade corporativa ao color amarelo chamado Euroyellow Ral, de alta visibilidade; será obrigatorio dispoñer de vehículos substitutos para diminuír o tempo de inoperatividade por causas técnicas; e establécese unha antigüidade máxima de tres anos para os vehículos titulares e de cinco para os substitutos.