Friday 22 de November de 2024

Educación atenderá todas as solicitudes de escolarización no novo CEIP de Culleredo


Ofertaranse un mínimo de 25 prazas para 4º curso de Educación Infantil mentres que o resto dos cursos configuraranse en función da demanda por parte das familias

A Consellería de Educación atenderá todas as solicitudes de escolarización para o novo CEIP de Culleredo, que botará a andar o vindeiro curso 2018/19; polo que todas as familias que queiran matricular aos seus fillos neste centro de nova construción poderán tramitar dita solicitude se así é o seu desexo.

Tal como lle trasladará hoxe o representante da Xefatura Territorial de Educación ao Consello Escolar de Culleredo nunha reunión prevista para esta tarde, no vindeiro curso a Consellería ofertará 25 prazas para 4º de Educación Infantil (3 anos), sen prexuízo de que se aumente a unha segunda unidade se así o requirise a demanda; mentres que para o resto dos cursos (5º e 6º de Infantil e toda a etapa de Educación Primaria) abriranse as unidades que fagan falta en función da demanda por parte das familias.

Deste xeito, logo de que remate o prazo de admisión para alumnos que entran novos no sistema ou que queiran cambiar de centro escolar (que se abre do 1 ao 20 de marzo), a Xefatura Territorial analizará cada unha das demandas para este centro e, en función das solicitudes, conformará os grupos que sexan necesarios.

A Consellería reafirma o seu compromiso coa dotación de infraestruturas educativas naquelas áreas que por dinámica xeográfica existe unha maior demanda de prazas, como é o caso do Concello de Culleredo. Cómpre lembrar que esta é a segunda infraestrutura escolar de nova construción que terá Culleredo, logo da apertura do IES en 2016; e será o quinto CEIP deste Concello. Foron precisamente os criterios de carácter técnico -baseados nun incremento continuado de matrícula- os que xustificaron a planificación deste novo centro e a súa entrada en funcionamento para o próximo curso con todas as unidades que sexan necesarias para atender a demanda das familias.

No que atinxe ao servizo de comedor escolar, o centro contará coa infraestrutura necesaria para ofertar este servizo, cuxa posta en marcha deberá valorar e xestionar a futura Anpa que se constitúa a raíz da entrada en funcionamento do colexio, situación semellante ao de San Pedro de Nós, en Oleiros.

O novo colexio -no que a Consellería inviste uns 4,5 millóns de euros-, foi deseñado con capacidade para 450 alumnos, repartidos en 18 unidades (6 de Infantil e 12 de Primaria). O centro ocupa unha superficie total construída duns 3.340 metros cadrados onde, ademais das aulas, contará con espazos para biblioteca, ximnasio, vestiarios, zona de administración e instalacións e espazos complementarios.