Friday 22 de November de 2024

Saen a licitación por máis de 300.000 euros as obras de construción dunha senda peonil e a ampliación da travesía de Aldeagrande


Os traballos permitirán ensanchar a plataforma da DP-4201 ata os 7,5 metros e crear unha beirarrúa de 1,8 metros na marxe esquerda

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio de licitación das obras de humanización e mellora da seguridade viaria na estrada DP 4201, de Portobravo a Confurco, ao seu paso por Aldeagrande (Lousame), por un total de 304.174,01 euros (IVE incluído). Uns traballos que consisten na ampliación de 5 a 7,5 metros da plataforma da DP 4201 e na construción dunha senda peonil de medio quilómetro na súa marxe esquerda.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, celebra a licitación destas obras pois “é unha vía con moito tráfico e moi perigosa para os peóns. Agardamos que se faga o antes posible”. Unha situación que puido comprobar sobre o terreo o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a súa visita a Lousame o pasado mes de outubro, cando se comprometeu a ir arranxando por fases a DP-4201. Neste sentido, Villaverde Pais lembra que “a estrada de Portobravo a Confurco, pasando por Aldeagrande e Chave, precisa dunha urxente actuación para mellorar a seguridade viaria pois é moi estreita e está moi transitada xa que, entre outras cousas, por aí se accede ao museo das Minas de San Fins”.

Obras

As obras, que contan cun prazo de execución de 6 meses, terán lugar nun tramo de 520 metros da DP-4201 co obxectivo de humanizar esta travesía, que actualmente conta cunha estrada duns 5 metros de ancho. As obras inclúen a demolición de tres casetos na marxe esquerda da vía e o movemento de terras para conseguir un ancho total de 7,5 metros, que se logrará actuando sobre os sobreanchos da estrada.

Isto suporá contar cunha estrada de dous carrís de 3,25 metros cada un e unha senda peonil de 1,8 metros de ancho na marxe esquerda da estrada, que estará separada da estrada por un caz de formigón prefabricado e unha beiravía de 0,3 metros. A senda estará pavimentada cunha capa de 12 centímetros de zahorra e outros 12 de formigón coloreado. Mentres que na estrada procederase á aplicación de rego de adherencia e 6 centímetros de aglomerado.

A maiores, colocarase un sistema de recollida de pluviais, cos seus correspondentes pozos de rexistro e arquetas sumidoiro; e se executará unha canalización para o alumeado público. Tamén se executarán dous muros de pedra granítica de 25 e 60 metros de lonxitude, para a contención de terras. As empresas interesadas en participar na licitación deste proxecto teñen ata o vindeiro 5 de marzo para presentaren as súas propostas diante da Deputación Provincial da Coruña.