As tribus de Centieiras, de Fene; a Canteira, do Puntal, Neda; os Argalleiros, de Narón; a Revolta de Trasancos, de Ferrol; os Colludos, de Ferrol; Tróupele, tróupele, de Narón; as Xoaniñas de Chao, de Ferrol; Colexio Belén, de Ferrol; Foliada, de Cambre; a Treboada da Semente, de Narón; Paso a paso, de Fene; os Scratchados, de Fene; os Mecos, de Ferrol; e os Artistas, de Geriatros Ferrol. Son as comparsas que tomarán parte este ano no desfile do Entroido que terá lugar o mércores 14 de febreiro, mércores de cinza, no Concello de Fene.
As agrupacións participantes sairán ás 18.00 horas de Perlío (Aguilar), percorrendo a Avda. Marques de Figueroa, Avda. Naturais e Avda. do Concello. O desfile finalizará na Praza do alcalde Ramón Souto González onde terá lugar, coa viúva de sempre, a actuación das comparsas. Segundo informan dende o Departamento de Cultura do Concello de Fene, en caso de chuvia, podería suspenderse o percorrido das comparsas polo centro de Fene, non o festival que terá lugar, como estaba previsto, na antiga praza do Concello e baixo carpa. A posible suspensión do desfile anunciarase na páxina web fene.gal a partir das 14.00 horas do mércores 14 de febreiro.
Rematado o festival de comparsas, no que actuarán oito das catorce agrupacións que se inscribiron para o desfile, darase paso á lectura do testamento e á posterior queima do Antón co espectáculo pirotécnico que porá o broche final a estas festas no Concello de Fene
As actividades do Entroido 2018 no Concello de Fene arrincarán xa o luns 12 de febreiro cun obradoiro infantil de “Cociña Entroideira” do que haberá dúas quendas, ás 17.00 horas (prazas esgotadas) e ás 18.45 (aínda quedan prazas libres) nas instalacións do CCRD de Perlío. No mesmo local, o martes 13 de febreiro, desenvolverase un taller de disfraces de entroido, de 11.30 a 13.30 horas (aínda quedan prazas libres). Ámbalas dúas actividades van dirixidas
a nenos e nenas que cursen estudos de educación primaria (6-12 anos). Inscricións até o 8 de febreiro no Departamento de Cultura do Concello de Fene.
Tamén o martes día 13, a partir das 17.30 horas, haberá unha festa infantil na Praza do alcalde Ramón Souto González (baixo carpa), a cargo de Fiestoke e con degustación de lambetadas de Entroido. A continuación, a partir das 21.00, comezará a Festa-baile do martes de entroido coa Orquestra New York.