Aínda ben non saímos do Nadal e xa entramos no tempo do Entroido, que este ano cae especialmente baixo. Aínda así xa se alenta a gana de troula e de festa desta época do ano irreverente na que podemos ser o que nos pete, rir dos demais sen que teñan dereito a enfadarse e facer trastadas detrás da nosa máscara. Moeche é un dos concellos da comarca que máis pura conserva a esencia carnavaleira, concentrada na festa que organiza a área de Cultura o Martes de Entroido -festivo local- na nave do mercado. O evento comezará ás 16.30h. cunha gran festa na que haberá xogos para a xente miúda, música e o tradicional desfile de máscaras que premiará os mellores disfraces tanto infantís como de persoas adultas.
Os 3 mellores disfraces individuais da categoría infantil -menores de 12 anos- recibirán un agasallo sorpresa. Na categoría adulta -maiores de 12 anos- haberá un único premio para o mellor disfraz individual, consistente nun vale de 30€ para gastar nalgún dos supermercados e tendas do concello: Casa Toñito, Supermercado O Cruce, Supermercado Ubaldo ou Supermercado Moeche.
A comparsa máis orixinal tamén levará un vale por importe de 75€ para gastar nalgún establecemento hostaleiro do municipio. Os disfraces premiados elixiraos un xurado atendendo a múltiples criterios, como a vistosidade, a orixinalidade, o traballo e incluso a gracia coa que se metan as máscaras no seu papel. A súa decisión será inapelable.
A festa terá lugar na nave do Mercado de Moeche rehabilitada recentemente. En previsión de que o tempo siga fresco, a área de Cultura reforzará para a ocasión o sistema de calefacción das instalacións. Ademais, ao rematar serviranse churros con chocolate ben quentiño.
Entroidos veciñais en San Xurxo e en Labacengos
Ademais da programación municipal, as entidades veciñais de San Xurxo e de Labacengos tamén organizan candanseu xantar de Entroido.
Na antiga escola do Pereiro, en San Xurxo, servirase servirase este sábado un menú a base de cocido -8€ persoas socias e 12€ non socias- amenizado a partir da sobremesa coa música de Raúl Armada. Aínda que o prazo de inscrición rematou hai uns días, pódese preguntar se aínda teñen algún sitio libre nos teléfonos 981 404 107 ou no 696 944 914.
Pola súa banda, Labacengos pechará o Entroido o domingo 18 de febreiro no local social do Ventoeiro cunha comida a base de sopa, cocido e sobremesas deste tempo. Tamén haberá concurso de disfraces con premios para a categoría infantil e adulta.
O prezo do xantar é de 12 € para persoas socias, 15 € para non socias e gratis para nenas e nenos menores de 15 anos. A festa estará animada pola música de David Moledo. As inscricións están abertas ata o 12 de febreiro a través do teléfono 606 729 038.
As compras de Entroido, no mercado do sábado e na feira do domingo
Desde a área de Desenvolvemento local lémbrase tamén que o sábado, como é habitual, estará aberto o Mercado de Moeche ofertando unha ampla variedade de produto fresco e elaborado da máxima calidade co que encher a mesa nestas datas.
Ao día seguinte, Domingo de Entroido, a feira do 11 ampliará aínda máis esta oferta de produto alimentario, ao que se lle xuntan artigos de todo tipo como artesanía, ferramentas e roupa e complementos con prezos adaptados a calquera peto.