A primeira secretaria xeral do PSOE de Ordes toma o relevo de Xesús Pedreira e anuncia: “conto con todos para traballar por e para o partido. Estou disposta a escoitar a todo o mundo, críticas incluídas, que de todo se aprende”
Elvira Rodríguez Recouso foi elixida por unanimidade nova secretaria xeral da Agrupación Socialista de Ordes no transcurso dunha asemblea xeral celebrada esta fin de semana. Elvira Rodríguez, auxiliar administrativa e que se formou parte da candidatura socialista nas pasadas eleccións municipais, toma o relevo de Xesús Pedreira, que deixa o cargo tras dez anos á fronte da agrupación socialista ordense.
Na súa breve intervención ante a asemblea, Elvira Rodríguez tivo en primeiro lugar palabras de agradecemento “para a Executiva saínte, para todos os asistentes a esta asemblea, afiliados e simpatizantes”. Rodríguez Recouso, que recibiu o apoio unánime da asemblea, convértese así na primeira muller que ocupa a Secretaría Xeral dos Socialistas ordenses. “Conto con todos e todas para traballar por e para o partido. Estou disposta a escoitar a todo o mundo, críticas incluídas, que de todo se aprende”, concluíu.
Despedida
Pola súa banda, Xesús Pedreira destacou “a boa disposición e capacidade de traballo” da súa sucesora e anunciou que “seguirei a disposición do Partido para todo o que precise”. De feito, seguirá unido ao partido socialista como secretario de Sanidade do PSOE da Coruña e membro do Comité Nacional Galego. Pedreira aproveitou a súa despedida para agradecer o traballo de todos os compañeiros e compañeiras que o acompañaron durante esta última década. “Seguro que teño cometido erros, polos que pido desculpas. Pero tamén temos feito moitas cousas ben e gustaríame que deixaramos esa vergoña que parece que temos os socialistas e comezaramos a reivindicar o que temos feito por Ordes, que é moito e moi bo. Como para ir coa cabeza ben alta, sen fachenda pero orgulloso do que fixemos”.
Neste sentido, Pedreira lembrou que dende o Grupo de Goberno do Concello, os socialistas lograron 9 millóns de euros en investimentos por parte do Bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño, entre os que figuran actuacións tan importantes como o Paseo Fluvial do río Mercurín ou a Rolda Leste; e que dende as Concellerías socialistas se puxeron en marcha actuacións como o primeiro local para a terceira idade ou se levaron por primeira vez as actividades culturais e deportivas ás parroquias. Dende a oposición, Pedreira salientou o traslado das demandas dos veciños e veciñas aos Plenos e actuacións de importancia como conseguir a ampliación das beirarrúas na rúa Alfonso Senra, lograr que Ordes recibira as mesmas subvencións da Deputación co resto de municipios ou o recente irmandamento de Ordes con Veracruz, a través da figura de Isabel Zendal.
Executiva
A nova Executiva do PSdeG-PSOE de Ordes está conformada por:
– Elvira Rodríguez Recouso, secretaria xeral.
– Alejandro Manteiga, secretario de Organización e Administración.
– Antonio Morán, secretario de Igualdade, Educación e Servizos Sociais.
– Marta Regos, secretaria de Cultura e Deportes
– Julio Sánchez, secretario de Medio Ambiente e Medio Rural
– Javier Gómez, secretario de Comercio e Industria.