Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame celebrará o seu Festival de Entroido o sábado 10 de febreiro no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra


Por terceiro ano consecutivo non haberá Concurso de Disfraces. Os premios serán sorteados entre todos os participantes para premiar así a participación fronte ao gasto que se faga no disfrace

O Concello de Lousame celebrará este sábado 10 de febreiro o seu Festival de Entroido, que terá lugar entre as 17:00 e as 20:00 horas no polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra” (A Silva). Un festival que mantén o modelo probado con éxito en 2016: non haberá Concurso de Disfraces, que pasará a converterse nun Desfile de Disfraces.

O técnico de Cultura, Eduardo Agraso, explicou que “queremos premiar a participación, non os cartos que a familia pode gastar nun disfrace. Queremos que todos os nenos e nenas teñan opción de levar un premio para casa, por iso serán sorteados entre todos os que participen no Desfile de Disfraces”. Un modelo que foi ben acollido pola veciñanza, “polo que esperamos ter sobre unhas 600 persoas na Festa, como en anos anteriores”, apunta Agraso.

O Desfile de Disfraces dará comezo ás 18:30 horas e estará aberto a nenos e nenas de ata 16 anos, distribuídos en catro categorías: de 1 a 5 anos, de 6 a 10 anos, de 11 a 13 anos e de 14 a 16 anos. As inscricións poden realizarse o mesmo día do festival, en horario de 16:00 a 18:00 horas, no polideportivo municipal. Todos os nenos/as que veñan disfrazados recibirán un agasallo.

Agradecemento aos voluntarios

Ademais do Desfile de Disfraces, o Festival de Entroido de Lousame incluirá unha zona para inchables, obradoiros, xogos e animación musical. Así mesmo, todos os que se acheguen polo polideportivo municipal poderán desfrutar dunha degustación gratuíta de orellas e filloas, elaboradas por voluntarios/as do municipio.

A concelleira de Xuventude, María Regenjo, agradeceu a colaboración das veciñas e veciños que se encargarán da degustación. “Temos moita sorte de contar cunhas duascentas persoas que colaboran como voluntario nas distintas actividades que organizamos ao longo do ano, o que é moi importante para un Concello pequeno con poucos recursos”.

O Festival de Entroido de Lousame foi presentado esta mañá pola concelleira de Xuventude, María Regenjo, quen estivo acompañada polos técnicos de Cultura, Eduardo Agraso e María Teresa Baluje.