A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, inaugurou esta mañá en Arteixo a primeira das catro xornadas provinciais de presentación da guía, na que participaron preto de medio centenar de persoas
A directora do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Inés Santé, abriu esta mañá en Arteixo a primeira das xornadas de presentación da Guía de cor e materiais de Galicia coas que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pretende achegar o contido deste documento a un amplo abano de profesionais ligados ao mundo da arquitectura, o urbanismo e o paisaxismo nas catro provincias.
Dous dos membros do equipo redactor da guía encargáronse de facer unha presentación técnica ante preto de medio centenar de persoas, maioritariamente arquitectos, enxeñeiros, e técnicos e responsables municipais da área de urbanismo cun interese profesional por coñecer en detalle o contido do documento. A xornada rematou cun debate aberto e os participantes puideron plasmar as súas impresións sobre distintos aspectos da Guía de cor e materiais a través dunha enquisa interactiva.
No marco da Estratexia da Paisaxe Galega, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, elaborou unha Guía de cor e materiais que ten por finalidade proporcionar uns criterios e directrices técnicas obxectivas para a regulación do emprego da cor e os diferentes tipos de revestimentos arquitectónicos nas paisaxes urbanas, rururbanas e rurais das doce grandes áreas paisaxísticas en que se divide a comunidade autónoma.
O documento, presentado publicamente a finais de outubro como unha ferramenta nova para loitar contra o feísmo, constitúe un primeiro paso co que se pretende recoller o parecer de diferentes sectores públicos e privados para avanzar na conformación final da guía, así como concretar o alcance normativo que finalmente vai ter, na procura do maior consenso posible.
Por ese motivo, o Instituto de Estudos do Territorio, en colaboración coa Fundación Laboral da Construción, están a organizar varias xornadas sobre a Guía de cor e materiais de Galicia abertas a todos os profesionais e cidadáns interesados nela. A presentación celebrada hoxe en A Coruña foi a primeira e as próximas celebraranse este mércores, en Pontevedra, o vindeiro 19 de febreiro en Ourense e o 23 de febreiro en Lugo.