Friday 22 de November de 2024

O Club Brío ofrece este martes unha nova clase aberta para aprender baile tradicional


A entidade ten xa dous grupos en marcha e busca completar o terceiro

A iniciativa do Club Brío de participar no reto da “Global Muiñeira” de Gadis parace que tivo efecto e foron moitas as persoas que nas últimas semanas se interesaron pola posibilidade de aprender baile tradicional en San Sadurniño. A entidade ten xa formados dous grupos -un infantil para os sábados e outro adulto para os xoves- e fáltanlle algunhas inscricións para crear o terceiro, que ensaiaría os martes á noitiña. Por iso propoñen unha nova sesión aberta para quen aínda non probase a experiencia do tacón-punta-tacón. Será este martes 6 de febreiro entre as 20 e as 21.00h. no ximnasio do CPI de San Sadurniño e non é necesario apuntarse antes.

O vídeo gravado por Brío nos xardíns municipais foi unha das mellores campañas que o club puido facer para promocionar o baile galego. Ver medio cento de persoas danzando ao son dunha muiñeira é todo un espectáculo e así se traduciu nas redes sociais, onde o vídeo do flashmob de San Sadurniño colleitou en poucos días arredor de 20.000 reproducións entre youtube e facebook.

Segundo informan desde Brío, a iniciativa espertou o interese da xente ata o pundo de que xa hai horarios e días fixados por idades para dar os primeiros pasos. Así, as nenas e nenos máis pequeniños ensaiarán os sábados de 13.30 a 14.00h., mentres que para a mocidade e as persoas adultas definíronse dous grupos, un os xoves de 19.45 a 20.45h. que xa ten o cupo cuberto e outro os martes de 20.00 a 21.00h. que aínda non chegou ao número mínimo de inscricións para poder saír adiante.

Hai que aproveitar o tirón e por iso o club ofrece a posibilidade de participar este martes nunha clase aberta e gratuíta. Trátase de que a xente probe a ver se lle gusta para, posteriormente, poder completar os grupos xa formados.

O Club Brío , que desenvolve un intenso labor a prol da ximnasia rítmica e a danza, busca en último caso que o baile tradicional se asente como unha proposta cultural máis das existentes no territorio que, como engádega, sería o complemento perfecto para as clases de pandeireta e gaita que tamén se ofertan en San Sadurniño a través das escolas municipais.

Para obter máis información sobre as clases de baile tradicional e outras actividades que leva a cabo o club pódese contactar con el a través do seu facebook ou da conta briodanza09@gmail.com.