Saturday 16 de November de 2024

O período medio de pagamento a provedores situouse en Fene en 24,46 días durante o cuarto trimestre de 2017


O último informe elaborado pola Intervención municipal de Fene para render contas perante a Xunta e o Ministerio de Facenda ao respecto da morosidade e do período medio de pagamento de facturas apunta a que o consistorio cumpriu coa normativa no último trimestre de 2017. Nela márcase un prazo máximo de 60 días para aboar as facturas desde o momento en que entran por rexistro e de 30 días desde que son aprobadas pola Xunta de Goberno Local. Fene axustouse a ambos prazos, cunha media de morosidade de 58,14 días e un período medio de pagamento que se situou en 24,46 días. O rexedor local, Juventino Trigo, fala dun “resultado satisfactorio” que, segundo asegura, “nos permitirá superar con ben o plan económico e financeiro ao que está sometido o Concello por culpa da herdanza recibida do Partido Popular”.

Os datos de morosidade e do período medio de pagamento a provedores acadados no último trimestre de 2017 veñen confirmar a boa marcha do ano no cumprimento das obrigas con provedores, que só viu incrementado o promedio estatístico entre os meses de xullo e setembro por mor dun recoñecemento de facturas de anteriores exercicios que non contaban con partida orzamentaria asignada. Aínda así, e segundo consta no informe de Intervención, tamén nese terceiro trimestre se logrou manter a morosidade por debaixo dos 60 días.

En canto aos meses de outubro, novembro e decembro, os servizos económicos municipais achegan datos que cadran coa tendencia contención dos prazos mantida durante a primeira metade do ano, cun tempo medio de pagamento de 21,5 días entre xaneiro e marzo e de 27,98 de abril a xuño.

Así, o período medio de pagamento no cuarto trimestre quedou en 24,46 días, unha cifra que mellora considerablemente o resultado do mesmo momento de 2016 -31,46 días- e que rebaixou en máis da metade o dato do cuarto trimestre de 2015. Daquela -e segundo a información contable- a media de pagamento de facturas era de 61,55 días despois de ser aprobadas pola Xunta de Goberno Local.

Se se fixese unha media de todo o ano tomando os resultados dos catro trimestres daríanos que Fene mantivo o nivel de morosidade en 49,8 días -10,2 días por debaixo do límite marcado por lei- e que o tempo medio de pago dos doce meses de 2017 estivo en 28,9 días, é dicir, 1,1 días por debaixo dos prazos legais a pesar de terse sobrepasado o límite no terceiro trimestre. Tal e como comentou esta mañá Juventino Trigo, “o balance do ano é moi satisfactorio. Vamos polo bo camiño e cumprindo coa normativa. Ademais, estes datos permitirannos superar sen problemas o plan económico e financeiro aprobado para axustar a economía municipal aos ditames estatais sobre estabilidade orzamentaria, débeda pública e regra de gasto”.

O alcalde lembrou que en 2016 o Concello se viu obrigado a aprobar un plan económico e financeiro que reequilibrase as contas municipais de cara ao cumprimento da lei aprobada en 2012 para manter a raia a débeda dos municipios.

A obrigatoriedade do plan veu dada, segundo Trigo, “polo dispendio en obras acometidas polo PP antes da campaña electoral”. O rexedor explica que o goberno popular “debería ter feito un plan de axuste pero, en vez diso, dedicouse a gastar cartos en obras, investimentos e outros gastos municipais sen que as partidas estivesen previstas no orzamento municipal”. O alcalde acusa directamente ao Partido Popular de gastar daquela “arredor de 378.000 euros que non tiñan consignada partida económica”. “En consecuencia -prosegue Trigo- cando nós chegamos ao goberno, recibimos unha herdanza de facturas que se tiveron que encadrar na contabilidade municipal no segundo trimestre de 2016, algo que disparou os datos de morosidade e tamén os do período medio de pagamento. Ademais, a obriga de comunicar esta información ao Ministerio de Facenda e á Xunta tamén fixo saltar as alarmas sobre o incumprimento da regra de gasto e por iso o Concello se viu obrigado a aprobar un plan económico e financeiro a dous anos que, en certa medida, nos ata as mans para facer máis investimentos malia termos capacidade económica suficiente para levalos adiante”.

Alén dos datos reflectidos no informe trimestral de morosidade e do período medio de pago, o Concello tamén finalizou 2017 cun bo resultado en canto a pagamentos pendentes. De feito, a día 31 de decembro só quedaban por aprobar 8 facturas por distintos conceptos e un valor global de 33.693€. A cantidade é, segundo o rexedor local, “a máis baixa da que temos constancia”.