Friday 22 de November de 2024

A Xunta destina preto de sete millóns de euros para a contratación de 1.420 desempregados nos concellos de Galicia


Os municipios e entidades locais teñen ata o día 12 de febreiro para solicitar o financiamento para a incorporación de persoal de servizos e preceptores da Risga

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o Centro Municipal de Formación Pablo Picasso de Culleredo, onde mantivo unha xuntanza co alcalde para informarlle sobre as diferentes liñas de apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria destinadas ás administracións locais. Neste senso, destacou que nos últimos días saíron publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas convocatorias de axudas nas que o Goberno autonómico investirá preto de sete millóns de euros para a contratación de 1.420 desempregados nos concellos de Galicia.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará, dun lado, 5,7 millóns de euros para a contratación de 800 persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) en 192 concellos, tendo preferencia, ao igual que o pasado ano, aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.

Con independencia da duración do contrato, o período que financiará a Xunta con estes apoios, que van dirixidos a concellos e as agrupacións de concellos, será de sete meses. O prazo de solicitude rematará o 12 de febreiro. A contía que se conceda será a equivalente ao necesario para sufragar os custes salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente.

Para a resolución das axudas terase en conta o número de desempregados e a evolución do paro rexistrado entre 2013 e 2017 de cada localidade, así como a evolución da poboación neste período e o número de perceptores da Risga a 31 de decembro deste ano.

Gracias a esta liña, na súa convocatoria do ano pasado, 265 persoas de 56 municipios da provincia da Coruña traballaron en diferentes tarefas dos seus concellos, cun investimento superior aos 2,25 millóns de euros. No caso concreto de Culleredo, contratáronse dez peóns cun investimento de 83.500 euros. Coas achegas da Xunta Culleredo tamén incorporou a outras catro persoas que desempeñan a súa labor dentro do servizo de conserxería. Neste capítulo o investimento da Xunta ascendeu a máis de 32.000 euros.

O Goberno galego, doutra banda, destina 1,3 millóns de euros para a inserción no mercado de traballo de 620 persoas sen emprego en 150 concellos e que realizarán obras ou servizos de interese xeral ou social. Nesta convocatoria terán preferencia os servizos relacionados con Protección Civil e seguridade das persoas e bens, especialmente os proxectos que correspondan a servizos de salvamento e socorrismo. As solicitudes poderán realizarse ata o luns 12 de febreiro. Na pasada convocatoria 55 concellos da provincia beneficiáronse desta axuda, cun investimento por parte da Xunta de preto de 600.000 euros.

Con estas dúas convocatorias de axudas, ofrécese ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunda na mellora da súa empregabilidade e que facilita a súa futura inserción no mercado de traballo. “O obxectivo é apoiar á Administración local na dinamización da súa economía e seguir contribuíndo a mellorar a inserción laboral no territorio galego”, sinalou Ovidio Rodeiro.

As dúas accións forman parte da Axenda 20 para o Emprego coa que a Xunta está impulsando a calidade no mercado de traballo e coa que se está contribuíndo á redución do paro en Galicia e á creación de emprego. De feito, Galicia pechou 2017 con 21.713 afiliados máis que en 2016, a maior subida da última década. O paro baixou o pasado ano nun 10,15% con respecto a 2016 e na evolución mensual foi o primeiro mes de decembro no que se produciu un descenso do desemprego de toda a serie histórico.