Friday 22 de November de 2024

Bo ritmo para as obras da senda peonil da Brea, que contará con rede de abastecemento e canalización de alumeado público


O investimento nesta primeira actuación supera os 123.000 € para un tramo de 1.700 metros que conecta coa beirarrúa executada no núcleo de Meirama, completando o traxecto ata O Mesón do Vento. Grazas ás negociacións mantidas entre Concello e Deputación o proxecto estenderase a ambas as marxes da estrada

As obras de construción da senda peonil no lugar da Brea, na parroquia de San Pedro de Ardemil, continúan a bo ritmo tras o seu inicio hai varias semanas. A nova construción, de 1.700 metros de lonxitude, transcorre en paralelo á estrada DP 2405 e conta cun orzamento de 123.354 euros a cargo da Deputación da Coruña. Estímase que as obras estarán rematadas no mes de abril.

A senda conta cun ancho de 2 metros e discorre entre os puntos quilométricos 5+820 e 7+510 da DP 2405. Conecta a outra marxe coa beirarrúa xa executada no núcleo urbano de Meirama, completando o itinerario ata O Mesón do Vento. No proxecto contémplase o pintado de pasos de cebra e a instalación de sinalización vertical; a execución de cunetas recubertas por lousas de formigón e dotadas de desaugadoiros; ademais de eliminar calquera tipo de barreira arquitectónica de cara ás persoas con mobilidade reducida. Por último rozarase e plantarase céspede nas zonas lindeiras. Con todo isto mellorarase notablemente a seguridade tanto para peóns como para condutores.

Planificación efectiva
Ademais, para unha planificación efectiva que ademais de aforrar recursos evite molestias innecesarias a usuarios e usuarias e cortes de tráfico, o Concello de Ordes executará á par outras intervencións relacionadas co abastecemento de auga e a canalización para o alumeado público da dita senda. O investimento previsto con cargo ás arcas municipais ascende a arredor de 25.000 euros para a construción de gabias; a adquisición de tubaxes de polietileno, válvulas; arquetas; chaves e bocas de rego. A isto súmaselle a canalización para o alumeado público, a cal quedará prevista para a súa futura instalación, incluíndo o arame guía.

Xa nunha xuntanza de traballo acontecida no mes de xullo de 2016 o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, propuxera ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a modificación do proxecto técnico inicial para substituír o firme de mestura bituminosa por outro de formigón para homoxeneizar así os tramos de sendas xa existentes ao longo da estrada.

Ambas as marxes
Grazas ás negociacións mantidas entre o Concello de Ordes e a Deputación da Coruña o proxecto inicial da senda peonil da Brea verase complementado nun futuro próximo coa construción doutro trazado na marxe contraria de iguais características. A día de hoxe falta por decidir se esta nova intervención se desenvolverá nunha ou dúas fases. Ao igual que agora, ao longo dos 1.700 metros de lonxitude da nova vía peonil tamén quedarán instalados os servizos de abastecemento e todo o necesario para a colocación de farois.