Friday 22 de November de 2024

Todo listo en San Sadurniño para un sábado de cine en clave rural e galega


Comeza o V Chanfaina ‘Lab

A área municipal de Cultura apura os últimos preparativos para a grande estrea deste sábado das curtametraxes da cuarta edición da Chanfaina ‘Lab, gravadas en San Sadurniño a primeiros de setembro. Pouco a pouco van chegando as pezas que encherán a pantalla da Casa da Cultura a partir das 18.00h. con xeitos de ver e mirar o territorio distintos e experimentais. O programa do pase gratuíto compóñeno unha vintena de pezas doutros tantos autores e autoras. Xente de renome do Novo Cinema Galego como Óliver Laxe, Ángel Rueda, Olaia Sendón, Anxos Fazáns, Carmen Rey, Cristina de la Torre ou Alberto Lobelle, quen lle ofrecerán ao público as súas creacións canda as de cineastas que ou ben están empezando, ou ben entran por primeira vez en contacto co mundo audiovisual.

Nesa remesa amadora atopamos realizadores e equipos locais -Pablo Martínez, Fran Bermúdez, Bieito Beceiro, o trío The Sungirls, Sebas Rodríguez a xente de Conciencia TV e as mulleres de Teño unha horta en San Sadurniño-, a quen se lles unen valores que xa nos abraiaron o ano pasado, como é o caso das irmás Lara e Noa Castro.

O cadro creativo do IV Chanfaina ‘Lab complétano o fotógrafo Gabriel Tizón, a parlamentaria Ana Pontón asumindo por primeira vez un proxecto como directora e o realizador luso Carlos Viana, quen desenvolve un intenso labor de promoción do cinema de raíz rural na outra banda do Miño.

Serán case 3 horas de cine en pílulas de distintas duracións, pero co nexo común de abordar o contexto territorial de San Sadurniño desde múltiples puntos de vista formais e narrativos. Malia que o hermetismo é total ata que as curtas se proxecten, desde Cultura apuntan a que “hai pezas de todo tipo e todas sorprendentes pola súa frescura”, comenta a titular da área Sabela Cinza.

A concelleira engade que este sábado poderemos ver “documental e ficción mesturadas con obras máis experimentais, aínda que a experimentación e a ruptura coas linguaxes preestablecidas sexa unha constante xa consolidada no encontro audiovisual”. Cinza destaca “a implicación social” nun proxecto que reúne “en igualdade de condicións e de aprendizaxe mutua” a cineastas cunha reputada traxectoria e a persoas que “en moitos casos non teñen experiencia previa”. Ademais, a concelleira comenta que “varias entidades e persoas a título individual vólcanse co Chanfaina ‘Lab axudando a producir as pezas, dando ideas, contando as súas historias e incluso protagonizándoas”. “San Sadurniño é só un pretexto para algo máis, o realmente valioso é esa experiencia compartida da que saen cousas fantásticas coma as que poderemos ver este sábado”.

A proxección das pezas gravadas en setembro con motivo do cuarto Chanfaina ‘Lab supón o arranque oficial da quinta edición do encontro audiovisual. Algunhas das liñas mestras do evento deste ano daranse a coñecer na presentación das curtas, aínda que desde a organización xa avanzan que se manterá a estrutura iniciada en 2017. “En principio as xornadas de filmación desenvolvernase na primeira ou segunda fin de semana de setembro e continuaremos complementando o programa con faladoiros e talleres audiovisuais que tan ben funcionaron nas dúas últimas edicións. Por outra banda tamén queremos continuar estreitando a relación co cinema rural portugués e por iso agardamos contar con presenza da creación do alén Miño”, explica Sabela Cinza.

O programa de proxeccións comezará ás 18.00h. na Casa da Cultura con entrada gratuíta ata completar o aforo. Confirmaron a súa asistencia a meirande parte dos realizadores e realizadoras, a quen se lles entregará como agasallo unha Lola de cascarilla. Antes do pase cadaquén fará unha breve introdución da súa curta e, posteriormente, iniciarase a proxección en dúas tandas, unha de 18.30 a 20.00h. e outra de 20.15 a 22.00h., deixando un cuarto de hora de descanso polo medio. Ademais, aínda que non está anunciado no programa, disque vai haber “unha pequena sorpresa” que, segundo Sabela Cinza, “nos permitirá saborear o cine como se facía antano”.

18:00 h: Presentación e entrega de estatuíñas
18:30 h: Proxeccións IV Chanfaina Lab

1 A casa – Carlos Viana
2 Enamorándose de San Sadurniño – Pablo Martínez
3 Narahío – Ángel Rueda
4 O inxerto, a bicicleta e o helicóptero – Fran Bermúdez
5 Estudo para rostro humano – Alberto Lobelle
6 Indefinido – Bieito Beceiro
7 INT/CASA – Olaia Sendón
8 O familiar envolve – Carmen Rey
9 Nós mesmas – Ana Pontón
10 Historia do cisne, o atún e a troita – Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita (Teño unha horta en San Sadurniño)
20:00 h: Descanso

20:15 h: Proxeccións IV Chanfaina Lab

11 360° en cores – Graciela Galdo, Mónica Cibreiro, Olga Vigo (The Sungirls)
12 Pezas imposibles – Lara e Noa Castro
13 Galiñocidio – Sebastián Rodríguez
14 O salvaxe leva o seu tempo – Óliver Laxe
15 Cando ruxe o formigueiro – Abel Vega
16 SANSA – Cristina de la Torre
17 Homilías neoliberales/Decrecentismo – ConcienciaTV GZ
18 Abatida – Anxos Fazáns
19 Boniatos no país do sol poniente – Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita (Teño unha horta en San Sadurniño)
20 Chanfaina 2017 – Gabriel Tizón