O pleno do pasado sábado aprobou cos votos favorables do BNG e do PSOE -o PP abstívose- unha moción presentada pola vía da urxencia en apoio da manifestación convocada para este domingo ás 12 en Santiago pola plataforma SOS Sanidade pública. O colectivo, formado por entidades e profesionais, fai un chamamento á mobilización para que se free a modificación da Lei Galega de Saúde. Segundo SOS Sanidade pública, o texto “afonda no desmantelamento e na privatización do sistema sanitario público”. Coa aprobación plenaria da moción en apoio da plataforma, San Sadurniño tamén se suma á reivindicación e pídelle á veciñanza que o domingo acuda de forma masiva a Compostela. Desde SOS Sanidade pública informan que haberá un autobús con saída de Narón que pasará por Ferrol, Fene e Pontedeume sempre que haxa persoas anotadas. O último día para facelo é hoxe, chamando ao 649 024 612 ou ao 981 35 87 50.
Tal e como denuncia SOS Sanidade pública, a modificación lexislativa que o goberno galego quere levar adiante trae aparelladas canda si varias consecuencias relacionadas coa recentralización da xestión sanitaria e cunha entrada cada vez maior do sector privado na atención e no ámbito da investigación.
A plataforma asegura que a nova lei “desmantela os hospitais comarcais, dificultando o acceso á asistencia especializada da poboación rural e recentraliza o control da Conselleria de Sanidade sobre a atención da saúde”. SOS Sanidade pública argumenta, ademais, que a reorganización vén “perpetuar as estruturas de Xestión integrada” de maneira que a Atención primaria seguirá “sometida” ás Xerencias hospitalarias “en detrimento da promoción, prevención e atención cercana”.
Un dos portavoces da plataforma, o médico Xosé María Dios, explicáballe hai uns días o problema ao xornal dixital Praza pública: “O PP, en pleno mes de agosto, presentou o proxecto de modificación da Lei de Saúde de 2008, que era unha boa lei aínda que sen desenvolver. Con esta iniciativa, o que fai é eliminar as áreas sanitarias, con todo o que iso conleva. Como exemplo, o Hospital da Costa de Burela vai pasar a depender de Lugo e xa non do seu xerente e dos seus directivos… Veremos como se enteran no Hospital de Lugo o que está a ocorrer cos urólogos na Mariña. O argumento da Xunta é que con esta reforma achégase a sanidade aos cidadáns, pero é ilóxico dicir isto cando se retiran xerentes e o equipo directivo destas zonas, a onde, por poñer outro exemplo, iría un día un urólogo de referencia e ao día seguinte, outro. Pasan a ser meros distritos, tanto na Mariña como no Salnés, en Monforte ou O Barco”.
Con respecto á calidade da atención, Dios engade que “aproveitando todo este rebumbio, o día 10 de xaneiro entrou en vigor tamén a modificación da Lei de Garantías que, basicamente, implica que se pides cita, pasan 45 días e no Sergas non cha dan para unha consulta ou proba diagnóstica, ou 60 días no caso dunha intervención cirúrxica, derívante á privada. Obviamente, se o persoal e os recursos se reducen, os prazos non se van cumprir nunca”.
A plataforma denuncia, ademais, que a modificación lexislativa que o PP sacará adiante no Parlamento tamén “privatiza a formación a investigación e a innovación sanitaria, consolidando a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, penetrada por empresas multinacionais”. Por outra banda, a proposta de modificación da Lei “reduce e limita a participación social no control da Sanidade pública” e, tal e como asegura SOS Sanidade pública “favorece a creación de chiringuitos, para laboralizar o persoal, potenciando o favoritismo e a arbitrariedade na contratación do persoal sanitario”.
SOS Sanidade pública insiste tamén na denuncia da “precariedade laboral” do persoal sanitario de hospitais e centros de saúde. Unha precariedade que nos últimos meses tamén se está deixando notar en San Sadurniño. No pleno do pasado sábado o PSOE mencionou que a baixa dun dos médicos titulares se está cubrindo con contratos temporais que ás veces só duran uns días, algo que, tal e como indicou esta mañá Secundino García, “impide que se estableza a relación de confianza que debe existir entre o médico ou médica e as persoas usuarias ás que atende”. A alta temporalidade produciu tamén nos últimos meses que “moitas persoas solicitasen o cambio de médico, de maneira que o outro facultativo do centro de saúde viu incrementada notablemente a súa carga de traballo”.
O rexedor sinalou que desde o Concello se lle trasladará á Xerencia de área de Ferrol do SERGAS a demanda de que se lle dea estabilidade ás contratacións “para garantir o servizo de caldidade que precisa a veciñanza”. En cumprimento do acordo plenario do sábado pasado, Secundino García tamén fai un chamamento á participación na manifestación do domingo en Santiago “para frear o progresivo desmantelamento da nosa sanidade pública”.
A mobilización partirá ás 12.00h. da Alameda compostelá. Desde a plataforma convocante infórmase de que haberá un autobús con saída de Narón que pasará por Ferrol, Fene e Pontedeume sempre que haxa un mínimo de persoas anotadas. Hoxe é o último día para apuntarse chamando ao 649 024 612 ou ao 981 35 87 50.