Proxectaranse as curtametraxes filmadas o pasado mes de setembro por unha vintena de realizadores e realizadoras
O encontro audiovisual Chanfaina ‘Lab ten a punto de saír do forno as pezas gravadas o pasado mes de setembro. Unha vintena de realizadoras e realizadores pasaron en San Sadurniño unha fin de semana captando a través dos seus obxectivos a esencia do territorio en forma de historias humanas, retratos da paisaxe e experimentación visual posta ao servizo dun espazo e dun tempo moi concretos, o San Sadurniño de 2017. As pezas resultantes da cuarta edición desta iniciativa poderán verse na Casa da Cultura este sábado 3 de febreiro nunha estrea que marca o arranque do V Chanfaina Lab. A ela acudirán tanto cineastas como persoas e entidades que lles prestaron axuda para a produción das curtas.
A estrea promete ser un mosaico de puntos de vista sobre San Sadurniño tanto polos temas elixidos como polo xeito de tratalos. Incluso polo feito de que o encontro audiovisual xunha nun mesmo proxecto de creación persoas con máis ou menos formación na técnica narrativa, persoas que contan o que lles parece sen seguir ningún canon e persoas que son de aquí e que, polo tanto, contan cun valioso coñecemento sobre o que pode dar de si o territorio.
Nesa mestura amadora/profesional, xente de aquí/xente de acolá, atopamos unha chea de nomes: os axitadores socioculturais de Concienciarte Patricia Lamas e Miguel Sanjurjo, o cineasta naïf de Igrexafeita Abel Vega, as mozas de Teño unha horta en San Sadurniño -Consuelo, Cruz, Carmen, Maruxa e Lucita-, as responsables da canle The Sungirls -Mónica Cribeiro, Graciela Galdo e Olga Vigo-, o mocete Pablo Martínez, o afincado na Lobeira Fran Bermúdez e o dúo formado por Bieito Beceiro e Sebas Rodríguez.
De fóra volven as irmás Lara e Noa Castro xunto coa tamén ferrolá Carmen Leira. Veñen tamén o monfortino Alberte Lobelle, a parlamentaria Ana Pontón -quen xa participara na segunda edición do Chanfaina como axudante e que nesta se puxo detrás da cámara para dirixir o seu primeiro proxecto como realizadora-, o investigador e programador Ángel Rueda, a cineasta pontevedresa Anxos Fazáns, a realizadora de Mazaricos Carmen Rey, a xornalista e documentalista Cristina de la Torre, a directora da Costa da Morte Olaia Sendón, o premiado en Cannes Óliver Laxe, o fotógrafo Gabriel Tizón e o cineasta experimental Vicente Vázquez. Neste ano o Chanfaina Lab conta ademais coa presenza de Portugal da man do director, programador e dinamizador Carlos Viana quen, ademais de achegarnos en setembro ao cinema rural do país irmán, tamén creou unha peza durante a fin de semana das gravacións.
A gala do cine de San Sadurniño arrancará o sábado 3 de febreiro na Casa da Cultura a iso das 18.00h. coas presentacións das pezas e a entrega ás realizadoras e realizadores das figuriñas feitas con plana pola firma local de artesanía As Lolas da Cascarilla. Deseguido haberá un primeiro bloque de proxeccións que finalizará cun pequeno descanso entre as 20.00h. e as 20.15h. Posteriormente reanudarase o pase das pezas restantes, que prevé rematar cerca das 22.00h. A entrada é gratuíta.
A quinta edición da Chanfaina ‘Lab está organizada polo Concello de San Sadurniño con colaboración económica da Deputación da Coruña. Trala estrea, as curtas filmadas o ano pasado irán subíndose á canle de youtube do evento a razón dunha por semana. Ademais, as realizadoras e realizadores tamén poderán mover as pezas en festivais e certames, levando o nome e unha parte da esencia de San Sadurniño polo resto do estado e mesmo do mundo.
V Chanfaina Lab
Sábado 3 de Febreiro -Casa da Cultura San Sadurniño
18:00 h: Presentación e entrega de estatuíñas
18:30 h: Proxeccións IV Chanfaina Lab
1 A casa – Carlos Viana
2 Enamorándose de San Sadurniño – Pablo Martínez
3 Narahío – Ángel Rueda
4 O inxerto, a bicicleta e o helicóptero – Fran Bermúdez
5 Estudo para rostro humano – Alberto Lobelle
6 Indefinido – Bieito Beceiro
7 INT/CASA – Olaia Sendón
8 O familiar envolve – Carmen Rey
9 Nós mesmas – Ana Pontón
10 Historia do cisne, o atún e a troita – Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita (Teño unha horta en San Sadurniño)
20:00 h: Descanso
20:15 h: Proxeccións IV Chanfaina Lab
11 360° en cores – Graciela Galdo, Mónica Cibreiro, Olga Vigo (The Sungirls)
12 Pezas imposibles – Lara e Noa Castro
13 Galiñocidio – Sebastián Rodríguez
14 O salvaxe leva o seu tempo – Óliver Laxe
15 Cando ruxe o formigueiro – Abel Vega
16 SANSA – Cristina de la Torre
17 Homilías neoliberales/Decrecentismo – ConcienciaTV GZ
18 Abatida – Anxos Fazáns
19 Boniatos no país do sol poniente – Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita (Teño unha horta en San Sadurniño)
20 Chanfaina 2017 – Gabriel Tizón