O Concello de Brión vén de presentar a súa oferta formativa para o próximo trimestre, que inclúe cursos de inglés dos niveis iniciación, medio e avanzado que terán lugar entre febreiro e abril de 2018. Uns cursos que teñen en común que se celebrarán no centro social polivalente, terán un custe de 90 euros por todo o trimestre e que están dirixidos a grupos reducidos, de tan só catro alumnos/as por sesión.
As inscricións están abertas na Casa da Cultura de Brión, no mail empregobrion@gmail.com ou no teléfono 981 509 908 ata unha semana antes do inicio de cada curso. A admisión realizarase por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Brión.
En canto aos horarios, as clases de Inglés A2 (iniciación) terán lugar os luns e xoves, de 21:00 a 22:00 horas. As sesións de Inglés B1 (medio) serán os luns e mércores, de 20:00 a 21:00 horas. Finalmente, as clases de Inglés B2 (avanzado) terán lugar os martes e xoves, de 20:00 a 21:00 horas.