Friday 22 de November de 2024

Os concellos da comarca póñense mans á obra coa candidatura do xeoparque


O Concello de Moeche acolleu na tardiña deste martes a xuntanza dos sete municipios comprometidos co proxecto do Xeoparque do complexo do Cabo Ortegal. Ademais da alcaldesa anfitrioa, no encontro de traballo estiveron presentes os rexedores de Cariño, Cedeira, Cerdido, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, quen puxeron enriba da mesa os pasos que se deben dar a partir de agora para preparar a candidatura que, previsiblemente, se presentará o ano que vén. A primeira actuación será a execución do Plan director onde se recollan os principais obxectivos e liñas e acción que permitan obter o distintivo outorgado pola UNESCO. Porén, na xuntanza tamén se falou do deseño dunha imaxe que identifique a iniciativa e da necesidade de implicar no proxecto ao tecido social dos sete concellos.

O encontro municipal é o primeiro que se celebra tralo acordo adoptado a semana pasada pola Deputación da Coruña para implicarse na posta en marcha do xeoparque. O organismo provincial suscribirá en breve un convenio cos concellos de cara a crear un ente virtual que auspicie o traballo de preparación da candidatura e, principalmente, as actuacións sobre o territorio que a avalen perante a UNESCO. O acordo, cunha vixencia inicial de 4 anos, prevé un investimento total de 500.000 euros.

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, indicou ao remate da xuntanza que o primeiro paso que se vai dar é, precisamente, o da sinatura do convenio coa Deputación e a definición de como se vai materializar na práctica esa cooperación. A tarefa máis urxente é “acordar o Plan director, que é o que nos vai marcar os pasos que imos dar no ano previo á presentación da candidatura, que agardamos presentar o ano que vén”. Outros compromisos alcanzados na reunión foron o de “crear unha imaxe que identifique ben o xeoparque” e o de “integrar e implicar a todo o movemento asociativo e o conxunto da sociedade polo que supón de impulso ao desenvolvemento local, xa que isto non só é cultura senón tamén economía”.

A parte da identificación da riqueza xeolóxica da zona e a súa singulariedade está moi avanzada gracias ao traballo da Asociación de Amigos do Xeoparque do Cabo Ortegal e dun dos seus integrantes, o xeólogo Francisco Canosa. A área abrangue 630 Km² de superficie dos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño (As Somozas desmarcouse desde o comezo do proxecto), onde se localizan ata 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo. A nosa zona conta con praias de area vermella, raras praias de area negra non como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

Porén, un xeoparque non é só xeoloxía, senón que esa herdanza natural debe estar vinculada -e así o esixe a propia UNESCO- con outros aspectos, como o desenvolvemento económico sostible, a cultura e o patrimonio. Neste sentido, os xeoparques buscan ser motor para un “turismo de calidade e con certo poder adquisitivo” e para outras iniciativas de promoción local que poidan beneficiarse deste recoñecemento internacional. No mundo existen actualmente 119 xeoparques e en Europa 63, dos que 11 están en España trala recente incorporación da zona leonesa de Las Loras. Segundo a portavoz dos municipios, a experiencia demostra que os xeoparques que xa funcionan noutros lugares “están creando riqueza, crearon postos de traballo e supoñen investimentos”.

Desde os concellos implicados no proxecto insístese, unha vez máis, en que o selo de Xeoparque Global da UNESCO é un recoñecemento simbólico que non implica ningún tipo de restrición sobre actividades económicas ou usos do chan. “Un xeoparque non ten ningún tipo de limitacións nin de proteccións especiais, o único que fai é utilizar uns valores xeolóxicos que xa temos de toda a vida para poñelos en valor e aproveitar ese valor para potenciar toda a zona no plano produtivo, no plano cultural, no plano histórico. Non é un parque natural, non é unha Rede natura, non é un lugar para conservar nunha urna onde non poidas facer nada, vaise poder seguir plantando, vaise poder seguir vivindo e facendo todo conforme á normativa urbanística e forestal que haxa na comunidade e nos propios concellos. Non afecta en absoluto. Quen diga iso é porque ten algún interese en que non haxa xeoparque”, comenta Beatriz Bascoy.