A partida total ascende a 25.000 euros
Neste 31 de xaneiro de 2018 empeza a contar o prazo de presentación de solicitudes das bolsas para estudos obrigatorios e postobrigatorios e tamén das axudas destinadas ás familias con crianzas matriculadas na Escola Infantil Municipal A Rolada durante o curso 2017/2018. O Concello dedica á convocatoria unha partida total de 25.000 euros, dos que 2.000 se reservan para posibles casos de emerxencia. Os outros 23.000 euros repartiranse en tres apartados: estudos obrigatorios -infantil, primaria e secundaria-, estudos postobrigatorios -bacharelatos, ciclos formativos e universitarios- e, por último, no destinado a cubrir parte dos gastos de asistencia dos nenos e nenas de 0 a 3 anos á Escola Infantil Municipal de San Sadurniño no presente curso. O prazo para achegar as instancias finaliza o próximo 19 de febreiro.
Para os estudos obrigatorios e postobrigatorios resérvanse 15.000 euros en dous capítulos. Así, para bolsas dirixidas a gastos de estudos obrigatorios e 2º ciclo de primaria hai unha dotación de 5.000 euros e a axuda poderá ser de ata 200 euros por neno ou nena sempre que a unidade familiar non supere os 6.000 euros de base liquidable da súa renda anual correspondente ao exercicio 2016.
No caso dos estudos postobrigatorios a partida total ascende a 10.000 euros e a axuda pode chegar ata os 600 euros por solicitude, habida conta de que en San Sadurniño non se imparten este tipo de ensinanzas e que, polo tanto, tamén é maior o esforzo das familias para custear os estudos dos seus fillos e fillas. Para acceder ás axudas a renda familiar máxima non deberá superar os 18.000 euros de base liquidable/ano.
Para o cálculo da contía da bolsa nos estudos básicos nesta convocatoria valoraranse o número de membros que formen parte da unidade familiar -máis puntos canto maior sexa a unidade familiar-, mentres que na avaliación das bolsas para estudos postobrigatorios ademais da renda tamén se valorará o expediente académico do mozo ou moza para o que se solicite a axuda. Se o mozo ou moza está cursando estudos universitarios deberá ter matrícula en alomenos o 50% dos créditos do curso correspondente.
Axudas para familias usuarias da Escola Infantil
Por outra banda as axudas para servizos de conciliación volven ir dirixidas exclusivamente ás familias usuarias da Escola Infantil Municipal no curso 2017/2018. A partida total é de 8.000 euros e o acceso ás axudas está condicionado a que a renda familiar non supere os 18.000 euros de base liquidable.
A contía da bolsa poderá chegar ao 50% dos gastos xustificados cun importe máximo de 1.500 euros por fillo ou filla dependendo, iso si, do número de solicitudes admitidas. As valoracións faranse por nivel de renda segundo o cadro de tramos publicado nas bases -de novo a menor renda, máis puntuación- e tamén dependendo do importe total do servizo, é dicir, máis puntos canto maior sexa o gasto que soporte a familia.
Ás axudas da EIM poderán acollerse tanto as familias que teñan criaturas xa matriculadas no centro como aquelas ás que se lles confirme a admisión durante o periodo de solicitude da bolsa. É dicir, a elas poderán optar familias con nenos e nenas na escola durante o curso 2017/2018. Quen teña previsto solicitar praza a partir de marzo -mes no que abre o período de preinscricións para o curso 208/2019- deberá agardar á convocatoria do ano que vén.
Igual que no resto de axudas educativas, o prazo para presentar as solicitudes tamén será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación das bases no BOP ou, o que é o mesmo, ata o 19 de febreiro.