O Concello reservou no orzamento 26.000 euros para subvencións en concorrencia competitiva, ademais doutros 38.200 euros para convenios nominativos que o ente municipal prevé suscribir en breve
Acaban de facerse públicas as bases e mailas convocatorias para solicitar as axudas de Cultura e Deportes, ás que este ano se destinan un total de 26.000 euros ademais doutros 38.200 reservados no orzamento municipal para convenios nominativos. Os anuncios -dispoñibles no BOP do 30 de xaneiro- marcan os requisitos que deberán cumprir as entidades así como os criterios de asignación dos fondos. Hai poucas novidades con respecto a anteriores anualidades. Unha das principais é que, de cara á xustificación das axudas, será necesario pagar a través do banco aqueles importes superiores a 100€ e que nos gastos de Cultura non se poderán incluír facturas de desprazamentos. Outra aféctalle ao sistema de puntuación en Deportes das accións para alcanzar a igualdade de xénero en cada disciplina. Neste sentido valorarase tanto a participación feminina nas actividades e na xestión dos clubes como a participación dos homes naqueles deportes onde son minoría. Os prazos para presentar as solicitudes finalizan o 28 de febreiro no caso das axudas para Deportes e o 14 de marzo no caso das subvencións de Cultura.
As bases para as dúas convocatorias foron ratificadas polo Consello de Participación veciñal, do que forman parte tanto as entidades como os tres grupos da Corporación. No caso das bases de Deportes produciuse un pequeno retraso debido á suxestión formulada en decembro polo club Oitomil Ocio e Aventura para que se revisasen os criterios de asignación de fondos. O documento quedou enriba da mesa co compromiso de que os clubs locais sopesasen as posibles modificacións para tratalas nunha posterior xuntanza que se celebrou a mediados deste mes. Finalmente, nin Oitomil nin o resto de entidades propuxeron cambios e as bases quedaron tal e como se presentaran inicialmente.
Para actividades culturais das asociacións reserváronse un total de 20.000 euros, distribuídos á súa vez en tres capítulos: 15.000 euros para programación cultural propiamente dita co tope máximo de 4.000 euros de axuda, 2.000 euros para colaborar co mantemento de infraestruturas das dúas únicas entidades que non dispoñen dun local municipal -Naraío e Igrexafeita, que percibirán 1.000 euros cada unha- e 3.000 euros para repartir coas comisións de festas, cun límite de 300 euros para cada solicitude.
As asociacións veciñais terán que presentar unha memoria valorada de todas as actividades previstas para este ano que despois serán avaliadas de acordo con 11 criterios de puntuación acumulativa. Con respecto ao que se puntuará non hai cambios: ata 2 puntos polo interese xeral da actividade e a súa repercusión social, 1 punto pola contribución á normalización do galego, 0,50 puntos polo fomento de valores como a solidariedade ou o respecto á natureza, ata 0,50 puntos polo grao de innovación das propostas, un máximo de 3 puntos dependendo do orzamento que se presente, ata 1,5 puntos por accións de recuperación do patrimonio material ou inmaterial, 0,50 puntos pola promoción da participación da mocidade, ata 1,5 puntos por desenvolver actividades que potencien a igualdade entre mulleres e homes, ata 1 punto pola estabilidade e solvencia organizativa demostrada pola entidade, outro punto como máximo pola busca de patrocinios públicos e privados cos que financiar as actividades e, por último, 3 puntos susceptibles de ser asignados en casos onde as actividades non se axusten aos anteriores criterios.
A xustificación das axudas concedidas deberá presentarse antes do 30 de novembro, aínda que hai posibilidade de solicitar unha prórroga no caso de que as actividades programadas sexan posteriores a esa data. Trala resolución da concesión de axudas -e despois de executar as actividades-, as asociacións terán que presentar facturas oficiais que sumen o total da cantidade concedida máis o 20% do importe total que se solicitou como axuda. É dicir, se unha entidade presentou un programa valorado en 10.000 euros e recibe unha subvención de 1.000, terá que xustificar un total de 3.000 euros (os 1.000 concedidos e 2.000 máis correspondentes ao 20% de 10.000 euros). Existe a posibilidade de presentar como gastos en equipamento e infraestrutura ata un 25% do total subvencionado.
O que si se deberá ter en conta á hora de deseñar a programación é que, de cara á xustificación das axudas, as bases establecen que será necesario efectuar a través do banco os pagamentos superiores a 100 euros, xa sexa por transferencia ou por ingreso en conta, e que os recibos bancarios correspondentes deberán xuntarse ás facturas no momento de presentar a documentación xustificativa da subvención. Outra novidade é que, ademais dos gastos de mantenza, tamén quedan fóra das xustificacións os gastos de transporte.
Alén da convocatoria en concorrencia competitiva, o Concello suscribirá convenios con varias entidades, como a ANPA do CPI -4.000€-, a Asociación Galega da Froita Autóctona -3.500€-, a Asociación Galega de Apicultura -1.500- e a Asociación Agroecolóxica A Cortiña, que percibirá outros 1.200€. O montante total para colaborar con asociacións que traballan no territorio a prol da educación, da cultura e do desenvolvemento local ascende, polo tanto, a 30.200 euros.
Axudas para clubes deportivos
No caso das axudas a entidades deportivas o importe global é de 6.000 euros, aínda que tamén cómpre ter en conta que varias entidades terán convenio e non entrarán na convocatoria, como é o caso do Aldebarán de volei -18.000 euros-, o C.F. San Sadurniño -9.000- e o Clube ciclista Biela e Chaveta, cun convenio de 1.000 €. Trátase dunha colaboración directa enfocada ao mantemento de escolas municipais e para apoio técnico en eventos organizados polo Concello. Así, a Deportes destinaranse entre convenios e subvencións un total de 34.000 euros.
Segundo as bases serán subvencionables os gastos correntes de funcionamento e a participación en campionatos deportivos, tales como fichas, desprazamentos, arbitraxes, compra de material, etc. agás a os gastos financeiros nin tampouco os derivados da organización de xantares, eventos gastronómicos e similares.
Os criterios para a concesión das axudas valorarán o número de fichas -20% da puntuación total-, o número de categorías -20%-, a titulariedade de instalacións -30%-, o orzamento total da programación -10%- e, por último, a aplicación práctica da igualdade de xénero. O cambio máis substancial nas bases dase neste último apartado, que deixará de primar exclusivamente a presenza de mulleres en relación coa porcentaxe de cargos de dirección ou de practicantes en cada disciplina. A idea é potenciar unha igualdade real por medio do equilibrio, de maneira que non só se favoreza a participación feminina en actividades onde os homes son máis numerosos, senón tamén promover unha maior integración masculina nas actividades practicadas maiormente por mulleres.
A valoración técnica desta cuestión -que supón o 20% da cuantificación das axudas- utilizará como referencia o último informe oficial do Consello Superior de Deportes onde se reflicten os números e porcentaxes de licenzas masculinas/femininas en cada disciplina. Tomando como base esa realidade, as bases danlle maior puntuación aos clubes que contribúan a rebaixar a fenda de xénero, xa sexa das mulleres con respecto dos homes ou dos homes con respecto das mulleres.
Igual que ocorría na convocatoria de Cultura, os clubes terán que xustificar con facturas oficiais polo menos o importe da subvención concedida máis o 20% do orzamento presentado na solicitude e, do mesmo xeito, tamén deberán achegar os documentos bancarios de pagamento no caso de facturas superiores a 100€. O prazo para presentar a documentación xustificativa finaliza o 30 de decembro, a menos que se solicite -e se conceda- unha prórroga dun mes máis como máximo.