Un total de 26 empresarios e autónomos de Frades asistiron á charla informativa sobre as axudas Leader, impartida por Domingo M. Lojo Caamaño, xerente da Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes (Asdecomor). Unha sesión á que asistiu o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e na que Lojo Caamaño deu conta das axudas para a creación, ampliación e modernización de pequenas empresas ás que poden acceder empresarios e autónomos que queiran realizar os seus investimentos en Frades.
Entre os sectores beneficiarios destas axudas figuran o sector da transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais, empresas industriais ou transformadoras e comercios. Domingo M. Lojo explicou que a porcentaxe da axuda pode chegar ata 50% do investimento, cun límite de 200.000 euros na compra de maquinaria nova e equipamento (mobiliario e equipos informáticos), na construción e mellora de bens inmobles e mesmo na compra de terreos e inmobles, con limitacións.