Promovida por Sogama e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, permanecerá na alameda ata o 4 de febreiro. Ofrece consellos útiles para reducir a xeración de lixo no fogar
A exposición itinerante ‘Menos residuos = Máis recursos’, promovida pola Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, permanecerá na alameda de Ordes ata o vindeiro 4 de febreiro. A través de distintos paneis a veciñanza poderá aprender de xeito sinxelo prácticos consellos para reducir a produción de desperdicios en orixe. Ademais, de cara a mañá, martes 31 de xaneiro, repartiranse folletos informativos nos que se describen pautas para facer fronte á inxente cantidade de lixo que cada día se vén xerando nos fogares.
Entre os consellos que se brindan están os de planificar as compras tendo en conta o que é realmente necesario, darlle preferencia aos produtos locais e de tempada, poñer fin á práctica de usar e tirar optando por bens de longa duración e reutilizables, utilizar un carro para a compra en vez de bolsas de plástico, optar por artigos a granel sen envases nin embalaxes innecesarias, controlar as impresións con cartuchos de tinta e tóner que tamén xeran unha dilapidación de papel, doar pezas de roupa que non se utilicen, depositar as pilas nos contedores e lugares de reciclaxe debidos etc. Por último a mostra alude á importancia de separar os residuos por tipoloxías e a depositalos nos contedores correspondentes para a súa correcta reciclaxe.
Libros, campañas e charlas
Conscientes da situación Sogama vén de poñer en marcha diversas alternativas para reducir o desperdicio de comida. Este é o caso da páxina web www.aproveitatedoquechesobra.es, onde se contemplan unha serie de recomendacións para facer fronte a este fenómeno. Tamén destaca a publicación de “Para repañar o prato!”, libro no que se inclúen receitas de cociña a partir de sobras de comidas e trucos para a conservación de alimentos. Tamén hai que citar a campaña “Coa comida non se xoga. Non tires alimentos!”, a través da que se imparten charlas e dinámicas nos institutos dos concellos limítrofes, entre eles o IES Nº1 de Ordes.