O Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Vicepresidencia da Xunta de Galicia asinarán este ano o convenio para a comarcalización do Parque de Bombeiros de Compostela. Pechouse un principio de acordo, pendente de que se concreten algunhas cuestións técnicas. O parque que lle daría servizo á comarca contaría cuns 90 efectivos, fronte aos 44 do actual Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Santiago.
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e máis o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, participaron na reunión celebrada esta mañá na Vicepresidencia da Xunta, xunto co vicepresidente Alfonso Rueda; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e o director xeral da FEGAMP, José Manuel Chapela. Todos eles resaltaron “a vontade de cooperación institucional e o espírito construtivo mostrados na reunión”.
Martiño Noriega lembrou que “o principio de acordo acadado hoxe é o froito do importante traballo que se vén desenvolvendo ao longo do último ano para atender a unha demanda histórica do espazo da Gran Capital, porque a súa veciñanza non entende de fronteiras administrativas”. O alcalde explicou que “partimos dunha proposta de máxima que fomos modulando, e o proxecto definitivo aínda está por pechar. É preciso negociar cos concellos implicados e ver as súas necesidades, e afrontar tamén a gran complicación que supón a taxa de reposición”.
A taxa de reposición, un escollo salvable
O alcalde apuntou que “na actualidade, Santiago presta o servizo con 44 bombeiros e ten capacidade para contratar ata 65”. Para comarcalizar o parque, “precisariamos contar cuns 90 efectivos, de xeito que se puideran organizar quendas que garantan a atención a incidencias que se produzan de xeito simultáneo en Santiago e na comarca sen superar demasiado a marxe de resposta de 20 minutos”.
O vicepresidente da Xunta mostrouse convencido de que “hai argumentos para defender que a comarcalización do parque de bombeiros non entra nos supostos da taxa de reposición, porque estamos falando da ampliación dun servizo para que se preste en lugares nos que antes non se prestaba”. Alfonso Rueda explicou que “na Vicepresidencia do Goberno Galego estamos dispostos a poñernos á fronte das conversas coa Administración Xeral do Estado, e cremos que superar este obstáculo é tamén unha cuestión de vontade política”.
A comarcalización, máis cerca que nunca
O vicepresidente da Xunta salientou que “despois de moitos anos falando da comarcalización do parque de bombeiros de Santiago, nunca o vin tan cerca coma hoxe”. Rueda agradeceu “ao alcalde e á Corporación municipal de Santiago a súa solidariedade, o seu espírito de facer comarca cando o servizo na capital galega está garantido”. Aínda que recoñeceu que “a comarcalización é complicada de plasmar na realidade sen diminuír a calidade do servizo, hoxe puxemos as bases para garantir a cobertura de emerxencias a unha poboación de máis de 200.000 persoas”. Agora, dixo, as tres administracións “terán que falar e concretar necesidades cos outros concellos implicados, e definir o esforzo económico necesario”. Eses municipios serían Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, Padrón, O Pino, Rois, Teo, Trazo e Vedra. Tamén está en estudo a posible implicación de Val do Dubra e Touro.
Necesidade histórica na provincia da Coruña
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, tamén apelou ao “traballo técnico que se abre a partir de hoxe” e recoñeceu que “a proposta de Santiago para a comarcalización do parque de bombeiros trouxo luz a unha demanda histórica da provincia, porque somos conscientes de que a da comarca de Santiago é unha das zonas de sombra na cobertura de emerxencias que hai que resolver”.