Ata o venres 2 de febreiro, de 8.30 a 14.00h., Galería da Casa do Concello: Exposición gráfica de Noemí Lorenzo
A artista gráfica e multidisciplinar Noemí Lorenzo trae ata a Casa do Concello unha escolma dos seus traballos, nos que bota man da xilografía, a litografía e outras técnicas de estampado, sen renunciar ao debuxo e outras fórmulas artísticas coas que reflicte formas abstractas ou o ser humano separado, xeralmente, do seu contexto. A deseñadora mugardesa é doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo e ten participado nos últimos anos en ducias de exposicións individuais e colectivas, ademais de acadar numerosos premios, o último no mes de outubro durante XI Bienal de Florencia .
Sábado 3 de febreiro, 16.30h., Casa da Xuventude: Tempos para compartir – Fabricación de selos de goma
A propia Noemí Lorenzo ensinaramos unha versión sinxela das técnicas que ela utiliza mostrando o proceso de deseño e fabricación dun selo de goma co que estampar a nosa sinatura ou un debuxo que nos identifique en cartas, tarxetas postais, agasallos, etc.. Veremos como concibir unha imaxe inicial, o seu paso á goma, o labrado do motivo e a súa fixación nun soporte que faga máis cómodo usalo. Para este obradoiro hai 10 prazas dispoñibles e as inscricións hai que facelas a través do 981 490 027 ext.1
Sábado 3 de febreiro, 15.00h., Local social de Bardaos: Xantar de Entroido
A comisión de festas de Bardaos e a confraría do San Pipote organizan un xantar de entroido a base de sopa, cocido, freixós, orellas, queimada, café, viño, auga e refrescos que, ademais, irá acompañado de música ao vivo.
O prezo son 18€ por persoa e para asistir hai que reservar antes do mércores chamando ao 630 563 130 ou 659 468 516.
Sábado 3 de febreiro, 18.00h., Casa da Cultura de San Sadurniño: Estreas do IV Chanfaina Lab
Máis dunha vintena de creadores e creadoras audiovisuais participaron na fin de semana do 1 ao 3 de setembro na fase de gravación da cuarta edición do Chanfaina ‘Lab, o encontro co que se pretende achegar unha mirada distinta sobre o noso territorio.
Despois de case cinco meses de traballo -no que moitas e moitos deles viñeron ata San Sadurniño en repetidas ocasións- agora toca ver o resultado da súa mirada persoal, nuns casos ficticia, noutros documental, pero sempre sorprendente e experimental.
Igual que en anteriores edicións proxectaranse na Casa da Cultura as pezas do proxecto coa participación das persoas que participaron nel, ben na parte da realización, ben na parte da interpretación ou do apoio á produción. E é que no Chanfaina, ademais dos creadores e creadoras, tamén se implicaron unha chea de persoas de San Sadurniño que foron parte fundamental para a produción das curtametraxes.
A estrea desenvolverase en dúas partes, cun bloque de proxeccións entre as 18.00 e as 20.00h. e outro das 20.15 ás 22.00h. A entrada é gratuíta.