Friday 22 de November de 2024

O primeiro pleno do ano en San Sadurniño sáldase cun alto grao de consenso dos tres grupos municipais


Na sesión tamén tomou posesión do seu cargo a nova edila do PP Cristina Calvo

San Sadurniño celebrou a primeira sesión ordinaria do pleno municipal deste 2018 cunha orde do día repleta de asuntos que, porén, eran de trámite na súa maioría. Así se deixou notar no sentido das votacións de cada un deles onde, salvo nunha moción presentada polo BNG ao respecto da mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade pública, houbo unanimidade dos tres grupos da Corporación. Así saíron adiante sen oposición un recoñecemento extraxudicial de créditos para o pagamento de algo máis de 70.000 euros en facturas presentadas nos últimos días de 2017, a incorporación ao orzamento deste ano dun total de 64.000 euros procedentes da AGADER para o amaño de camiños, a modificación da documentación presentada para executar o POS+ provincial, a variación do regulamento de funcionamento da Escola Infantil Municipal A Rolada e incluso a moción nacionalista para que o Concello se sume á conmemoración da “Revolta das pedradas” que sacudiu a comarca hai agora 100 anos.

O pleno comezou puntual, ás 11.30h,, en presenza de arredor dunha ducia de persoas sentadas nas cadeiras do público. O primeiro asunto foi a aprobación da acta da sesión anterior, tralo que se lle deu paso á toma de posesión da concelleira electa polo PP Cristina Calvo Tuimil que, tras varios chamamentos desde maio de 2017, desta vez si estivo presente na sesión para facer efectivo o seu nomeamento. Para tomar posesión, a nova edila popular optou pola fórmula do xuramento de gardarlle lealdade ao Rei e á Constitución.

No seguinte punto da orde do día abordouse un recoñecemento estraxudicial de créditos para o pagamento dun listado de facturas por valor de 70.300 euros presentadas nos últimos días de 2017. Na súa maioría son facturas de subministración de electricidade, aínda que tamén por traballos realizados por empresas e pequenos autónomos que traballan para o Concello. O asunto aprobouse por unanimidade de BNG, PP e PSOE, igual que o asunto posterior, centrado en incorporar ao orzamento municipal 64.070€ dunha subvención da AGADER. Tal e como explicou o portavoz nacionalista e edil de Facenda, Suso Soto, ese importe destinarase á reparación de varias pistas municipais, ademais de puntualizar que o Concello só deberá asumir o ive correspondente.

A unanimidade nas votacións estenderíase tamén á cuestión relativa á modificación da documentación do POS+ para corrixir pequenos erros que se produciron no encadre dos importes das obras. Un asunto burocrático que, segundo informou o grupo do goberno, non supón alteracións nin nos ingresos nin nos investimentos previstos, que irán na súa maior parte ao proxecto de mellora da accesibilidade da Avenida Marqués de Figueroa. Manuel Romero puntualizou que, aínda non estando de acordo coa distribución do plan provincial no tocante á cantidade dedicada a gasto corrente, o seu grupo votaría a favor da modificación. O PSOE tamén apoiou o acordo.

PP e PSOE volveron coincidir coas teses do goberno no seguinte punto da orde do día, cando se tratou a modificación do regulamento da EIM A Rolada para que a empresa xestora do servizo asuma parte do traballo administrativo que desempeñaba a Axente de Igualdade do Concello, actualmente en situación de baixa laboral.

No apartado de mocións a corporación avaliou dúas propostas presentadas polo BNG, unha referida á conmemoración da “Revolta das pedradas” do 1918 e outra -achegada pola vía da urxencia- para apoiar as reivindicacións e a mobilización convocada para o domingo 4 de febreiro en Santiago pola Plataforma SOS Sanidade pública para tentar frear a reforma da Lei de Saúde de Galicia.

A primeira das mocións foi exposta pola profesora Ana Pérez -membro da Comisión Revolta popular, Marzo 1918- e polo propio Suso Soto, quen explicaron os acontecementos sucedidos hai un século motivados pola situación de carestía a raíz da especulación e do desabastecemento de produtos básicos, nun contexto sociopolítico marcado pola Grande Guerra e pola inestabilidade do goberno estatal. A Revolta das pedradas arrancou en Xuvia encabezada por mulleres e non tardou en estenderse ao resto da comarca, con accións reivindicativas de prezos xustos e de dispoñibilidade de artigos de primeira necesidade como a fariña.

Foi unha revolta forzada pola fame que sacudiu a comarca durante máis dunha semana e que foi reprimida a tiros, co saldo de 9 persoas mortas -entre elas unha muller de San Sadurniño- e unha chea de feridas. O día máis negro foi o 13 de marzo en Sedes -día de feira- cando se produce unha manifestación contra do alcalde naronés daquel entón -Juan Fernández Lamas- e contra outros comerciantes acusados de acaparadores que se salda con 7 mortes de manifestantes. A Comisión Revolta popular, Marzo 1918 ten previsto impulsar durante os próximos meses varios actos de recuperación da memoria histórica que, como engádega, deixen patente o papel feminino naqueles episodios. A este respecto solicitouse a colaboración de todos os concellos da comarca na difusión e o coñecemento desta parte da nosa historia case esquecida. San Sadurniño aprobou, tamén por unanimidade, sumarse á iniciativa.

A segunda das mocións prosperou cos votos favorables do BNG e o PSOE, mentres que o PP optou por absterse. Tratábase de apoiar a mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade pública para o próximo 4 de febreiro na liña de paralizar a tramitación da Lei Galega de Saúde que, a xuízo da plataforma, senta as bases para o desmantelamento de hospitais comarcais, alonxa a atención sanitaria da cidadanía e tende á privatización da formación en investigación e innovación sanitaria. Segundo a plataforma, a normativa tamén consolida o actual funcionamento da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, que xa foi obxecto de denuncias pola presenza na mesma de distintas empresas multinacionais. A moción critica, por último, a precariedade laboral do persoal dos servizos de saúde, que se vería acentuada pola nova lei.

Debatidas e aprobadas as mocións, o pleno entrou no apartado dos rogos e preguntas. A nova concelleira do PP, Cristina Calvo, interesouse polas condicións en que se levaron a cabo os procesos de contratación de persoal municipal entre os anos 2008 e 2012. O alcalde, Secundino García, respostoulle que todos os contratos efectuados pola administración local se axustaron tanto ás bases como á legalidade.

O Partido Popular tamén preguntou a través da edila María Belén Trigo pola responsabilidade da instalación de postes de sinalización e indicadores nas rutas de sendeirismo de Naraío que, segundo asegurou, se colocan nalgúns casos en camiños forestais privados e que, ademais, tamén dificultan a manobra de tractores e outra maquinaria. Secundino García aclaroulle que o Concello é responsable unicamente dos sinais correspondentes ao sendeiro do Río Castro, unha ruta que se deseñou nos anos 90 cunha axuda do PRODER xestionado pola asociación Euroeume. O alcalde explicou que existen outras dúas grandes rutas con final en Santro André de Teixido, pero que o seu trazado coincide exactamente co do sendeiro do Castro e que, en calquera caso, o seu marcado e sinalización non foi unha actuación municipal.

Pola súa banda, o PSOE quixo saber se o Concello tomara algunha medida para solucionar a temporalidade na cobertura da baixa dun dos médicos do centro de saúde. O alcalde indicou que, neste sentido, envióuselle unha carta á Xerencia do Sergas en Ferrol que nun primeiro momento si tivo resposta pero que, posteriormente, volveu á situación inicial por mor “dos recortes” aos que, segundo García Casal, está sometida a sanidade pública. O rexedor aproveitou a cuestión para volver facer un chamamento “á mobilización social” para salvagardar a sanidade e, en relación coa pregunta exposta pola edila socialista Yolanda Vázquez, comprometeuse a volver insistir na reclamación de que se lle dea estabilidade ao persoal que cubra as baixas no centro médico.

A segunda pregunta exposta por Yolanda Vázquez centrouse en recabar información ao respecto do expediente disciplinario aberto a un funcionario que, tal e como respostou Secundino García, “está sancionado por unha falta moi grave confirmada por unha sentenza xudicial”.

O pleno rematou escasos segundos antes de que se cumprira a hora do seu comezo. Nesta ocasión non houbo intervencións por parte do público asistente.