O Concello de Oroso está a rematar esta semana os traballos de mellora da rede viaria municipal nas parroquias de Marzoa, Oroso, Senra, Trasmonte, Gándara e Ánxeles. Unhas obras nas que inviste un total de 218..754 euros e que están incluídas no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS 2014).
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, visitaron esta mañá as distintas obras para comprobar in situ a correcta execución das obras. Manuel Mirás destacou que “un ano máis, o Concello de Oroso inviste en obras todos os recursos do POS, que se suman aos que xa investimos de urxencia o inverno pasado cando tivemos aquela sucesión de cicloxéneses”.
O proxecto máis importante, orzamentariamente falando, foi o adecentamento da capa de rodadura en Altiboa, O Castro de Recouso e a Cruz do Folgoso, na parroquia da Marzoa. O Concello de Oroso destinou máis da metade do orzamento total (122.148 euros) a unha estrada cun firme moi deteriorado e cheo de fochancas que, ademais, é moi utilizado non só polos veciños da contorna, senón tamén doutros municipios veciños que a utilizan como vía de acceso directo ás súas localidades.
Así mesmo, o Concello de Oroso investiu outros 47.808 euros na mellora da rede viaria nos lugares da Estación de Oroso e O Cruceiro (na parroquia de Oroso). Uns traballos que melloran os accesos tanto á escola unitaria de Vilacide como á estrada que comunica Sigüeiro con Trazo. Finalmente, o Concello de Oroso está a investir outros 48.798 euros na mellora da rede viaria nos lugares de Zan (Trasmonte), Vilares (Senra), A Igrexa (Os Ánxeles) e Piñeirón (A Gándara), unhas obras que estarán rematadas nos próximos días.