Este ano créase un terceiro premio na categoría especial aos mellores disfraces individuais ou de grupo do concello de Frades
O Concello de Frades abre o prazo de inscrición no seu tradicional concurso de disfraces, que terá lugar o domingo 11 de febreiro, ás 17:00 horas, no pavillón municipal de Ponte Carreira. Un concurso aberto a todos cantos se anoten no Concello de Frades ou nos teléfonos 981 695 567 e 981 695 663 antes das 14:00 horas do venres 9 de febreiro, xa que non se aceptarán inscricións o mesmo día do concurso.
O Concello de Frades incrementará este ano a cantidade destinada a premios ao engadir un terceiro Premio Especial ao mellor disfrace individual ou dun grupo do municipio. Deste xeito, o Concello de Frades repartirá máis dun milleiro de euros en premios. Os dorsais dos participantes poderán recollerse no propio pavillón polideportivo de Ponte Carreira o día do concurso a partir das 16:30 horas. Se algún participante precisa dunha música concreta para a actuación deberá entregala no Concello antes das 14:00 horas do venres 9 de febreiro.
Premios
Polo demais, o concurso mantén as dúas categorías: infantil (ata 14 anos) e adultos (máis de 14 anos); e dúas modalidades: individual (1 ou 2 compoñentes) e grupos (máis de dous compoñentes). O xurado, que premiará os dous mellores disfraces de cada categoría, lembra que se nun grupo infantil hai un adulto, a agrupación pasará de xeito automático a competir na categoría de adultos.
Haberá premios de 300 e de 150 euros para os dous mellores grupos adultos; así como 100 e 50 euros na categoría individual. Na categoría infantil, os dous gañadores do concurso de grupos levarán 100 e 50 euros, respectivamente; mentres que os gañadores do concurso individual infantil levarán 60 e 30 euros. Os premios especiais aos mellores disfraces individuais ou grupos de Frades, sempre que non foran premiados noutra categoría, serán de 125, 75 e 50 euros.
Durante toda a tarde, o pavillón municipal de Ponte Carreira acollerá tamén unha gran festa de animación con xogos, inchables, obradoiros, mascotas, música e unha gran chocolatada, á que este ano haberá que engadir un fotomatón e un palomiteiro.