Friday 22 de November de 2024

A Xunta inviste máis de 97.000 euros en diferentes actuacións de protección do medio ambiente e dos espazos naturais en Mañón


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde da localidade, Alfonso Balseiro, asinaron as actas de recepción das obras

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou xunto ao alcalde de Mañón, Alfonso Balseiro, as actas de recepción das obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
En total, investíronse máis de 97.000 euros repartidos entre un proxecto de captación de auga nas parroquias de Grañas do Sor e Mañón, por unha banda, e para o arranxo do alumeado na senda peonil que une o porto do Barqueiro co límite da provincia de Lugo, pola outra.
As subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndelles aos concellos que teñen o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.
No caso de Mañón, o municipio alberga 73 aeroxeneradores e máis de 2,5 quilómetros de liñas. Estas axudas, concedidas a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.