Os veciños xa poden contemplar no Centro Cultural Lustres Rivas unha nova exposición, polos 33 gravados realizados por Salvador Dalí da parte da Divina Comedia dedicada ao Purgatorio.
A inauguración contou coas intervencións de Pastor Rodríguez, director do Museo do Gravado de Artes, institución que cedeu a colección ao Concello para poder celebrar esta mostra, e do alcalde Manuel Ruiz, despois das palabras introdutorias da concelleira de Cultura, Herminia Pouso, quen informou de que estará aberta ata o 26 de febreiro.
Durante o seu discurso, Pastor Rodríguez realizou un resumo da xestación desta e das outras dúas coleccións (o Inferno e o Paraíso) que Dalí fixo sobre a obra de Dante Alighieri. Foi un encargo do goberno italiano, dando comezo en 1951 co obxecto de crear cen acuarelas, pero que quedou truncado ante a polémica suscitada no país transalpino ao ter sido seleccionado un artista estranxeiro. Pese a isto, Dalí abordou o proxecto de recrear a serie en xilografía auspiciado por un editor parisiense, de tal xeito que transferiu as cen acuarelas orixinais a 3.500 tacos de madeira para a realización dunha edición de luxo publicada en tres cartafoles publicados nos anos 1960, 1962 e 1963 (Inferno, Purgatorio e Paraíso, respectivamente).
Pola súa parte , Manuel Ruiz resaltou a enorme importancia de que un municipio como Riveira conte cunha institución como o Museo do Gravado de Artes, con máis de 30.000 volumes entre os que se atopan os grandes mestres tanto contemporáneos como da antigüidade, e manifestou que no futuro se completará a exhibición da recreación daliniana da obra de Dante cunha nova exposición dedicada ao Paraíso despois de que no ano 2015 se amosase a correspondente ao Inferno.