Saturday 16 de November de 2024

Feijóo loa o compromiso dos profesionais sanitarios para facer compatible a mellor atención aos galegos de hoxe cunha sanidade pública viable para os galegos do mañá


Garante o compromiso da Xunta de seguir cumprindo co deber de velar pola sanidade pública

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, loou o compromiso dos profesionais sanitarios para facer compatible a mellor atención aos galegos de hoxe cunha sanidade pública viable para os galegos do mañá. “Para facer compatible que se sigan reducindo as listas de espera con modernizar as infraestruturas para as próximas décadas. Para facer compatible os recursos para incorporar a aparellaxe de última xeración aos centros con dedicar tamén esforzos á investigación que dará froitos no medio e no longo prazo. E para facer compatible a atención dos pacientes crónicos con destinar investimento á promoción de hábitos saudables”, dixo.

Durante a apertura do curso da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, Feijóo aseverou que conxugar os intereses do presente e do futuro non sempre é fácil, e aproveitou o acto para garantir o compromiso do Goberno galego de seguir cumprindo co deber de velar pola sanidade pública porque, máis importante que a definición dun territorio determinado, dixo, é o grao de benestar e liberdade que desfrutan aqueles que o habitan.

Nesta liña, recordou que a conquista dunha España e dunha Galicia do benestar, reflectida no sistema sanitario público, é un mérito compartido entre a sociedade, as administracións e os profesionais. “Non sería posible sen políticas axeitadas desenvoltas. Tampouco sen o esforzo fiscal dun país e a conseguinte solidariedade entre persoas e territorios. E, por suposto, sen mulleres e homes como os que hoxe reciben aquí o recoñecemento e agradecemento, e como os que conforman esta Real Academia”, abundou.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico fixo fincapé en que os galegos fomos capaces de facer unha sanidade pública con máis hospitais, tecnoloxía, transplantes e con máis actividade durante a crise que en época de bonanza. “E o que estamos construíndo e modernizando agora daranos a mellor sanidade que xamais tivemos”, dixo, lembrando que, nesta lexislatura se completará a renovación do mapa de hospitais públicos de Galicia.

“Temos un novo hospital en Lugo; un novo hospital en Vigo e un novo bloque cirúrxico na Coruña. En Santiago ampliarase o Hospital Clínico e, en Pontevedra, está a piques de formalizarse o contrato do Gran Montecelo. En Ourense inaugurouse a ampliación e seguirase coa reforma do vello edificio de hospitalización. Na Mariña, está en marcha a ampliación e, no Salnés, xa están inaugurados o novo servizo de urxencias, o bloque obstétrico, o bloque cirúrxico e o novo hospital de día. En Verín, melloraranse as urxencias e a área ambulatoria. No Barco, ampliarase o bloque cirúrxico e a área ambulatoria e, en Cee, ampliarase a unidade de diálise. No Barbanza, o proxecto de reforma das urxencias está avanzando; e, en Monforte, mellorarase a área de ingreso e ambulatoria”, precisou.

Así mesmo, e en materia de atención primaria, destacou que o Goberno galego investiu máis de 66 millóns de euros desde 2009 en construír novos centros de saúde e ampliar e mellorar os que xa existían. “E imos seguir avanzando por este camiño, con 20 novas infraestruturas sanitarias, para o que se destinarán máis de 55 millóns de euros”, dixo, referíndose tamén á aposta por un modelo de atención primaria máis próximo, no que o profesional de referencia dispoña das ferramentas necesarias para facer seguimento dos pacientes crónicos desde o seu domicilio.

Feijóo concluíu felicitando aos premiados e a todas aquelas persoas que participan desde os hospitais públicos nas investigacións: por dedicar a vida profesional a investigar calquera posibilidade de avance médico; por afanarse en prestar a mellor atención aos pacientes e por esforzarse en xestionar todo o que ten que ver coa saúde desde o interese xeral.