Saturday 16 de November de 2024

Oroso é o primeiro concello da comarca que implanta un programa pioneiro de rebaixa de impostos para captar empresas que xeren emprego


O municipio adhírese á iniciativa ‘Concellos Doing Business Galicia’, un protocolo promovido pola Fegamp e a Xunta
Oroso é o primeiro concello da comarca que pon en marcha a iniciativa Doing Business Galicia, un programa que contempla rebaixas de impostos de ata un 95% para as empresas que se instalen nos polígonos do municipio ou amplíen as súas instalacións xerando emprego.
O pleno municipal aprobou por unanimidade a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras do IBI, o IAE e o imposto sobre Construccións, as tres taxas sobre as que se aplicarán as bonificacións durante un periodo máximo de tres anos. A porcentaxe de rebaixa dependerá dos postos de traballo creados pola empresa.
“Queremos captar novos investimentos para Oroso e o concello ten que axudar a aquelas empresas que teñan o obxectivo de xerar novos postos de traballo”, asegura o alcalde, Manuel Mirás, que lembra “a importante mellora das comunicacións cos polígonos de Sigüeiro e Oroso Pequeño derivada da apertura do enlace sur da AP-9”.
Segundo figura no protocolo impulsado pola Fegamp e a Xunta de Galicia, deben ser as empresas interesadas as que soliciten as bonificacións fiscais e será o pleno municipal o que aprobe a súa concesión.
Oroso, unha vez adherido a este programa, obtén ademais máis facilidades de acceso ás axudas autonómicas destinadas a impulsar a industria, o emprego ou o emprendemento en Galicia. O concello terá preferencia cando as convocatorias sexan en réxime de concorrencia competitiva.
Sanidade e pensións
Por outra parte, o grupo de goberno impulsou na sesión plenaria dúas mocións, a primeira delas para instar á Xunta a retirar o anteproxecto de modificación da Lei galega de saúde, feito sen contar con sindicatos e facultativos “e que impulsa o modelo privatizador”, engadiu Mirás, que apoia a manifestación do domingo 4 de febreiro en Santiago en defensa da sanidade pública.
A segunda das mocións demandaba a sostenibilidade do sistema público de pensións e a volta do consenso que sobre este tema había en España no ano 2011. “Temos que garantir o poder adquisitivo dos nosos pensionistas, que merecen unha vida digna despois de tantos anos de traballo”, pechou o alcalde de Oroso.