A Xunta de Goberno iniciou o procedemento de licitación das obras de rexeneración do pavimento da calzada das rúas Ponte Marzán-Sandino-Cruceiro de Sar. Nestas obras vanse investir máis de 585.000 euros.
O alcalde explicou que esta é “a primeira obra que inicia a súa licitación desde a aprobación inicial dos orzamentos”. Martiño Noriega tamén adiantou que “nas próximas semanas a Xunta de Goberno seguirá aprobando proxectos e inicios de contratación, porque este vai ser o ano da obra pública en Compostela”.
O viario Ponte Marzán-Sandino-Cruceiro, que conecta a parroquia de Aríns co centro da cidade, atópase actualmente en mal estado de conservación. O obxectivo do proxecto é renovar por completo o firme, ao tempo que se realizarán reparacións puntuais nas beirarrúas e se acometerán obras para mellorar a accesibilidade nos pasos de peóns existentes. A actuación ten un prazo de execución de seis meses, e será respectuosa coas especiais condicións dun viario que coincide en parte do seu trazado coa ruta da Prata.
Residencias na sala Agustín Magán
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a resolución inicial da convocatoria de creación e estadías técnicas na sala Agustín Magán para proxectos de artes escénicas. Destas residencias beneficiaranse, ata o próximo mes de xuño, as compañías María Move, Berrobambán, Pista Catro, Helen Bertels e Producións Teatrais Excéntricas.
Solicitude de subvencións
Na reunión de hoxe tamén se acordou a solicitude de dúas subvencións. Unha delas responde a unha convocatoria da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación temporal de 29 persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga. A axuda sería dalgo máis de 280.000 euros. A segunda subvención seralle solicitada ao Ministerio de Sanidade, con cargo ao fondo de bens decomisados por tráfico de drogas. A axuda sería de 116.000 euros, e iría dirixida á posta en marcha do programa Versión 2.0.