Os Servizos Sociais do Concello de Frades informan da apertura do prazo de inscrición na Casa Niño Axóuxere, en O Pazo (Galegos), un servizo gratuíto de atención diúrna para nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos promovido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social. O prazo de solicitude de admisión na Casa Niño Axóuxere estará aberto ata o 24 de febreiro no 660 836 022.
Os nenos e nenas deberán estar empadroados/as no Concello de Frades e ter unha idade comprendida entre os 3 meses e os 3 anos, ambos incluídos. Axóuxere dispón de 5 prazas para este servizo de atención diúrna, de luns a venres, durante todo o ano. No caso de que haxa unha demanda superior á oferta, a admisión realizarase segundo criterios de renda.
Axóuxere é a segunda casa niño que se pon en marcha en Frades, onde xa leva máis dun ano funcionando con éxito a casa niño Xoaniña, en Abellá. De feito, o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, xa lle trasladara ao conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, a necesidade de contar con máis casas niño no municipio durante unha entrevista mantida en marzo de 2017 xa que “nestes momentos hai sobre cincuenta nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, polo que podería ter demanda”.
Neste sentido, o alcalde lembra que “no pleno do pasado mes de setembro aprobamos por unanimidade unha moción para instar á Xunta a consolidar este proxecto de Casas Niño, un servizo pioneiro que ademais de atender as necesidades de conciliación dos pais e nais que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes son tamén unha mostra da aposta da Xunta de Galicia polo rural”.