Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente entrega os premios aos galardonados no concurso fotográfico ‘Entendendo as Nubes’ con motivo do Día Mundial da Educación Ambiental


A directora xeral da Calidade Ambiental e Cambio Climático agradece o esforzos dos rapaces por plasmar nas súas fotografías a importancia destas masas para o tempo, o clima e a auga

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, fixo entrega dos premios aos galardoados do primeiro concurso fotográfico Entendendo as nubes, con motivo do Día Mundial da Educación Ambiental.

Cruz Ferreira Costa agradeceu aos premiados a súa participación nesta actividade, xa que puxeron o se grao de area para resaltar a a enorme importancia que as nubes teñen para o tempo, o clima e a auga, ademais de resaltar a beleza natural deste hidrometeoro.

Indicou que co seus traballos tamén axudaron a divulgar entre a comunidade escolar, e a sociedade en xeral, que a importancia das nubes non só reside no seu atractivo estético, o que as ten convertido en fonte de inspiración de artistas, poetas e fotógrafos, senón tamén no feito de que son unha das principais incógnitas do estudo do cambio climático e teñen un papel decisivo no ciclo da auga e na estrutura da distribución global dos recursos hídricos.

Engadiu que as nubes son fundamentais para as observacións e predicións do tempo, polo que este tipo de tipo de iniciativas axudan a trasladar ao conxunto da sociedade -desde as idades máis temperás- que son un elemento de suma importancia e de como -a través da súa observación- o clima está a cambiar a medida que acumulan na atmosfera máis gases de efecto invernadoiro.

Tamén salientou e puxo en valor a orixinalidade, excepcionalidade e valor artístico dos traballos premiados, que debían ser obras orixinais e inéditas e non estarán retocadas por ningún programa informático.

A directora xeral de Calidade Ambiental recordou que a entrega dos galardóns tamén serve para poñer en valor a efeméride que hoxe se celebra, o Día Mundial da Educación Ambiental, que se vén conmemorando cada 26 de xaneiro desde 1975, ano no que se celebrou en Belgrado (capital naquel momento de Iugoslavia e actual capital de Serbia), o Seminario Internacional de Educación Ambiental, no que participaron expertos de máis de 70 países.

Na seguinte táboa recórdanse os traballos premiados, en función da súa categoría:

Categoría: Etapa de educación infantil e primaria
Premio Título da fotografía Autor Centro educativo Concello
1º A casa da avoa María Lois Fernández Domínguez CEIP de Barouta Ames
2º Tocar as nubes é posible Alba Lorenzo García CEIP de Noalla- Tellerio Sanxenxo
3º Reflexos Francisco Lorenzo Costas CEE Saladino Cortizo Vigo
Categoría: Etapa de educación secundaria, bacharelato e formación profesional
Premio Título da fotografía Autor Centro educativo Concello
1º Viveiro a vista de paxaro Teresa Yin Martínez Sarmentero IES Vilar Ponte Viveiro
2º Cidade enladrillada Paula Corral Sueiro IES Rafael Puga Ramón A Coruña
3º Buscando inspiración Alejandro Feijóo Álvarez IES Carlos Casares Vigo

Cada unha das fotografías premiadas foi recoñecida cun diploma acreditativo do resultado do concurso. Os/as autores/as da primeira fotografía seleccionada en cada categoría recibiron como premio unha cámara de fotos. Os/as autores/as das fotografías seleccionadas en segundo e terceiro lugar, en cada categoría, recibiron como premio uns prismáticos.