Saturday 16 de November de 2024

A Concellería de Educación lanza unha convocatoria extraordinaria de axudas para material escolar


Debido ao gran número de peticións presentadas este ano aprobouse un xuro orzamentario extraordinario de 6000 €. Poderase beneficiar o alumnado de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria. As solicitudes poderán rexistrarse ata o 15 de febreiro

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña fai pública a convocatoria extraordinaria de axudas para a adquisición de material escolar por parte do Concello de Ordes. O xuro orzamentario para estas axudas dirixidas aos cursos de infantil, primaria e secundaria obrigatoria ascende a 6.000 €. As persoas interesadas terán de prazo para presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 15 de febreiro no departamento de Educación, situado no primeiro andar do edificio consistorial.

Entre outros os requisitos que se deben cumprir son os de non superar os ingresos económicos fixados nos criterios de valoración, en particular que a suma das bases impoñibles do IRPF (recadros 392+405) dos membros que integran a unidade familiar, dividido entre o número de membros computables desta, non exceda dos 9.000 €. Os valores catastrais das leiras urbanas e das leiras rústicas pertencentes aos membros da unidade de convivencia non poderán exceder dos 35.000 e 13.000 € respectivamente (queda excluída a vivenda habitual).

Tamén é requisito indispensable que o alumnado estea escolarizado no municipio nos cursos de infantil, primaria ou secundaria obrigatoria. O método de pago será mediante un vale que se poderá intercambiar nos establecementos adheridos.

Primeira vez
Por primeira vez o Concello de Ordes convoca unhas axudas extraordinarias para a adquisición de material escolar. Entre os motivos principais que impulsaron tal decisión Susana García, responsable municipal da área de Educación, destaca “o gran número de solicitudes que este ano se recibiron en comparación co ano anterior, superándose en máis dun centenar”.

Continuando coas estatísticas García sinala que debido ao esgotamento do orzamento asignado na primeira convocatoria (18.000 €) 40 casos quedaron sen poder atender a pesar de cumprir cos requisitos. “Conscientes das necesidades e demandas do noso municipio dende o Departamento de Educación concedemos unha atención prioritaria para solucionar unha situación que sabemos suscita gran preocupación entre a nosa veciñanza”, manifesta a concelleira de Educación. “Para facilitarlles a xestión a todas estas familias bastará con entregar unha solicitude para que volvan ser tidas en conta no proceso de selección, sen necesidade de que teñan que volver presentar toda a documentación que xa trouxeron no seu día”, conclúe.

Para calquera consulta pódese chamar ao 981680002 (ext. 4) ou ben ampliar a información a través dos seguintes enlaces: www.ordes.gal e http://bit.ly/2Ec6B3Y.