Comezou neste mes de xullo a roza das pistas de monte ata completar os 600 kms da rede viaria municipal
O Concello de Frades vén de rematar a primeira fase dos traballos de desbroce dos máis de 600 quilómetros de pistas e estradas que compoñen a súa rede viaria municipal. Os traballos comezaron a realizarse o pasado 1 de maio con dous tractores a xornada completa que, a día de hoxe, xa levan desbrozado máis de 300 quilómetros de estradas, de xeito que todas as pistas asfaltadas xa están rozadas.
“Nesta primeira fase estivemos a rozar as estradas principais de Frades e aquelas pistas con aglomerado, polo que agora imos rematar o traballo coas pistas de monte”, explica Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Limpeza Viaria, quen adianta que “a partir de agora un dos tractores dedicarase en exclusiva ás pistas de monte mentres que o outro seguirá completando rozas nas distintas parroquias co obxectivo de que cada unha delas estea nas mellores condicións para o día da súa festa”. Estes traballos de roza estenderanse durante todo o verán, ata limpar así os case seiscentos quilómetros de rede viaria municipal do concello de Frades.